Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ABRE AO TRÁFICO A NOVA VARIANTE DE PONTIGAS REALIZADA POLA ADMINISTRACIÓN PROVINCIAL

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, acompañou onte ao presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, nunha visita ás obras da ampliación e modificación do trazado da estrada DP-2204, que están xa rematadas e abertas ao tráfico. É unha das intervencións máis importantes que realizou a administración provincial no último ano, cun orzamento de 588.219,49 euros.

As obras consistiron na construción dunha nova variante de 1,2 quilómetros e o acondicinamento dun enlace de 330 metros que permitirá rodear o núcleo das Pontigas. O alcalde de Cedeira celebrou o remate desta intervención e subliñou a mellora da seguridade vial neste itinerario que empregan numerosos autobuses para achegarse ao núcleo turístico de Santo André de Teixido. Moreda Gil agradeceu o compromiso da administración coruñesa co municipio de Cedeira e lembrou que o proxecto de mellorar esta estrada vén de dez anos atrás.

Segundo puxeron de manifesto durante a visita, no pleno da Deputación da próxima semana vai aprobarse outra importante mellora nunha estrada de titularidade provincial en Cedeira. Trátase da DP-2206, en cuxas obras a administración presidida por González Formoso vai investir 350.000 euros. Suprimirase unha curva perigosa en Rego de Tide e ampliarase o ancho da carretera.