Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO REPARA A CUBERTA DO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL PARA EVITAR FILTRACIÓNS DE AUGA

O Concello de Cedeira contratou recentemente uns traballos de reparación da cuberta do polideportivo municipal co obxectivo de evitar os problemas de filtracións de auga que se estaban a producir. Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, os traballos están a executarse xa e consisten na retirada das actuais chapas da cuberta e a súa substitución por outras de panel tipo sandwich -con dúas chapas e unha capa de material aislante polo medio-.

A empresa Aluponte, que presentou a oferta máis ventaxosa, está a ocuparse destes traballos por un orzamento de 14.443,29€. Ademais do cambio das vellas chapas da cuberta polas novas, a obra abrangue a substitución das chapas de policarbonato existente nas caídas da cuberta por outras máis resistentes e con mellores condicións para intemperie.

A actuación forma parte do compromiso permanente que ten o Concello co coidado e mantemento das instalacións municipais, no marco do cal o goberno local tamén realizou o pasado ano o cambio dos canlóns de recollida de auga, no tellado do polideportivo, por outros novos.