Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A Deputación, diposta a un convenio a tres bandas coa Xunta e o Concello para dotar a Cedeira dun Centro de Día

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse onte no seu despacho da institución provincial co alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, que lle presentou o anteproxecto do goberno municipal para construír un Centro de Día na localidade.

Moreda explicou que o Concello xa ten a dispor os terreos, nun lugar céntrico e ben comunicado nas inmediacións do centro xuvenil, nos que se podería ubicar un inmoble que prestara servizo como centro de día a entre 25 e 30 persoas maiores do municipio.

O alcalde destacou que se trata “dunha infraestrutura moi necesaria no municipio, como amosan as 3.000 sinaturas recollidas entre a veciñanza de Cedeira para reclamar a súa construción”, e mostrou a súa disposición a que o centro poidera dar servizo incluso a nivel comarcal.

Pablo Moreda explicou que a conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha recente visita ao municipio, comprometeuse a apoiar economicamente a construción do Centro de Día se a iniciativa contaba tamén co apoio da Deputación.

“A Deputación está disposta a asumir un convenio a tres bandas coa Xunta de Galicia e o Concello para dotar a Cedeira dun Centro de Día”, confirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou que aínda que se trata dunha competencias da Xunta de Galicia, “a Deputación está disposta a aportar o seu grao de area”, asumindo parte do investimento dunha infratestrutura amplamente demandada no municipio e na comarca.

Novas melloras nas estradas a San Andrés de Teixido

O alcalde de Cedeira solicitou tamén a colaboración da Deputación para a construción dunha variante na estrada provincial DP 2205, entre Os Outeiros e A Rúa, que permita eliminar a curva perigosa existente no trazado que impide que dous vehículos podan cruzarse neste punto con seguridade.

O presidente da Deputación comprometeuse a encargar ao servizo provincial de Vías e Obras un proxecto que avalíe a viabilidade técnica e económica de asumir esta obra para eliminar este punto negro de seguridade, que complementando así a importante actuación que se está a executar actualmente na DP 2204 en Pontigas, onde o organismo provincial inviste máis de 600.000 euros na construción doutra variante de 1,2 quilómetros que mellora a seguridade da zona evitando o tráfico no núcleo de Pontigas, unha zona de curvas que discorre moi próxima ás vivendas.

A nova variante da DP 2205 contribuiría a seguir mellorando a seguridade nos accesos a San Andrés de Teixido e aos cantís da zona, un importante recurso turístico que rexistra un crecente volumen de visitantes nos últimos anos