Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A Asociación Sobre Rodas xa ten o seu transporte adaptado

A ASOCIACIÓN SOBRE RODAS XA TEN O SEU TRANSPORTE ADAPTADO

Hoxe fíxose oficial a axuda que recibiu a Asociación Sobre Rodas, por parte do Concello de Cedeira e máis da Obra Social “La Caixa”, para a posta en funcionamento do transporte adaptado coa celebración dun acto no que estiveron presentes o alcalde, Pablo Moreda Gil; o director de Caixa Bank na localidade, Raúl Polo, e a presidenta da entidade Malena Pérez Villar.

O Concello de Cedeira colaborou cunha achega de 4.700 euros para a compra e instalación da plataforma elevadora, mentres que a entidade bancaria contribuíu coa cantidade de 12.000 euros para mercar o vehículo.

Pablo Moreda Gil reiterou o compromiso que existe no equipo de goberno coas persoas con mobilidade reducida, unha postura que se vén materializar coa execución de obras que simplifiquen o día a día de quen teña este tipo de problema. A eliminación das barreiras arquitectónicas en rúas, prazas e centros públicos está a ser unhas das prioridades do executivo local dentro do presente mandato. O alcalde tamén quixo agradecer o traballo que tanto desde a asociación como por parte dos voluntarios que colaboran con Sobre Rodas se está a realizar para tratar de normalizar o máis posible a vida das persoas de van en cadeira de rodas ou teñen necesidades especiais.

Raúl Polo agradeceu aos responsables de Sobre Rodas o seu traballo a prol daquelas persoas con problemas de mobilidade e destacou que “é unha gran satisfacción para todos os compañeiros de Caixa Bank en Cedeira poder apoiar á asociación a mellorar o servizo que presta aos seus usuarios”.

Por último, Malena Pérez Villar recordou que sen a axuda do Concello e da entidade bancaria a entidade non podería ofrecer o servizo, que está a realizar unha media de 100 viaxes ao mes. Pérez Villar agradeceu o xesto de xenerosidade que tanto a Obra Social “La Caixa” como o Concello tiveron para os usuarios da asociación. “É unha deuda eterna”, dixo.