Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

VOLVE O CICLO “CANTOS E CONTOS AO SOLPOR” CON ESPECTÁCULOS DE CONTACONTOS E MÚSICA

O Concello de Cedeira abre o vindeiro domingo unha nova edición do ciclo “Cantos e contos ao solpor”, un programa de tres espectáculos que vai viaxar por outras tantas parroquias do municipio para pasar páxina do verán e recibir ao outono da man do teatro, a música e as historias populares.

O actor Avelino González será o primeiro contador este sábado, ás 20.00 horas, no local social de Tarroiba, en Cervo (Santalla). Alí presentará o espectáculo “A todo Risco”, no que fala de Vicente Risco e tamén da Xeración Nós. Segundo reza a presentación deste monólogo, Vicente Risco “era un coñón, noctámbulo, bohemio, que gustaba do baile e de gozar da vida ata altas horas da madrugada. Gustaba da sauna e da meditación e do viño tostado e fundou a primeira congregación budista de Galicia. Sabía e practicaba o humor como xabre que daba solidez, perenne e sólida, ó estarmos no mundo”.

A seguinte cita con “Cantos e contos ao solpor” será o 18 de setembro, tamén ás 20.00 horas, no local social da asociación de veciños de Montoxo. Bieitta James e Pepe King ofrecerán “Blues do país”, un concerto no que este estilo musical adáptase ao galego “con extra de retranca”. A parella de músicos reinterpreta os clásicos e os axustan á nosa realidade.

Cándido Pazó protagonizará a última cita deste programa o día 2 de outubro, ás 20.00 horas, no local veciñal de San Román. O coñecido actor levará ata alí o seu espectáculo “Botando a lingua a pastar”, no que recolle contos da tradición oral, historias extraídas e adaptadas de diferentes obras literarias e outras de creación propia. O humor e a empatía oral estarán no fío condutor desta proposta.