Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ADXUDICADAS AS OBRAS DE CONSOLIDACIÓN E REPARACIÓN DOS ANTIGOS ESCOLARES DE SAA E SISALDE

A Xunta de Goberno de Cedeira aprobou a adxudicación da obras de consolidación e reparación da cuberta nos antigos centros escolares de Saa e Sisalde, un proxecto que o Concello acomete con cargo ao POS+2021. A empresa Obras Gallaecia foi a que presentou a oferta mellor valorada, entre as sete que concurriron ao proceso de licitación, cun orzamento de 73.260,73€ (IVE incluído).

As dúas construcións son exemplos de arquitectura indiana e testemuños do esforzo que a emigración da zona fixo para mellorar a vida e a educación da veciñanza da súa localidade de orixe. As dúas edificacións, hoxe empregadas para usos comunitarios, foron promovidas pola mesma sociedade de instrución e beneficencia “Progreso de Esteiro”, fundada na Habana. Ambas as dúas tiñan no seu tempo unha aula de nenos e outra de nenas na planta baixa e a casa do mestre no primeiro piso. Ambas as dúas están catalogadas e a intervención conta co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio.

A de Saa data do ano 1925 e está afectada por filtracións de auga e humidades na cuberta e na cornisa perimetral que provocaron o deterioro do tramado de madeira. O goberno local pintara recentemente o edificio e cambiara a carpintería exterior, ao igual que no antigo escolar de Piñeiro, non obstante a súa conservación precisaba desta intervención. Pola súa banda, o antigo escolar de Sisalde Maior foi levantado en 1931 e necesita a urxente consolidación e reparación dos muros, a cuberta e os caleiros. A súa estabilidade está en perigo, como o anterior inmoble, polas humidades que afectaron ás vigas, estrutura de madeira e muros de carga.

En ambos os dous edificios, os traballos que vai executar a empresa Obras Gallaecia vai consistir na sustitución dos elementos deteriorados, o saneamento das pezas de madeira que poidan ser recuperadas, a impermeabilización de muros e o reforzo estrutural en determinados puntos. O prazo de execución é de seis meses.