Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

VISITA DO XERENTE DA ÁREA SANITARIA AOS TERREOS NOS QUE SE VAI LEVANTAR O NOVO CENTRO DE SAÚDE DE CEDEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, acompañou onte ao xerente da área sanitaria, Ángel Facio, nunha visita aos terreos que o Concello vai ceder para a construción do novo Centro de Saúde. No encontro, no que tamén participaron técnicos do Concello e da Consellería, as partes concordaron en que o máis beneficioso para o mellor desenvolvemento do proxecto será que a administración local ceda á autonómica tamén os espazos da contorna do edificio nos que, segundo xa tiña previsto o goberno local, irán os aparcadoiros, beirarrúas, etc.

A visita serviu para constatar unha vez máis que os terreos que facilita o Concello son apropiados para o desenvolvemento do novo Centro de Saúde, se ben coa suma da superficie de aparcamento poderá construírse o novo edificio en pranta baixa, algo que se considerou moi positivo cara á accesibilidade a todas as consultas, en especial á nova de fisioterapia. Así, estaba xa prevista a cesión de 2.318,07 metros cadrados de superficie bruta, aos que se sumarán outros máis de mil de solo dotacional que tamén ten o Concello na mesma zona e que estaba previsto desenvolver urbanisticamente, conectando a zona coa rúa Pitilleira e a avenida España e habilitando beirarrúas e prazas de aparcamento.

A Consellería de Sanidade fará agora un informe redefinindo as necesidades, para que o Concello cumpra a continuación cos trámites precisos. Moreda Gil destacou o clima de colaboración entre as dúas partes, que están a seguir as recomendacións dos técnicos para facer posible que a construción do novo Centro de Saúde sexa unha realidade canto antes. O alcalde tamén recordou que coa edificación deste inmoble quedará liberado o actual para darlle outros usos e cubrir necesidades do concello.