Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O PLENO APROBA O PLAN DE INFANCIA E ADOLESCENCIA DE CEDEIRA E A CREACIÓN DO SEU CONSELLO LOCAL

O Concello de Cedeira ten xa aprobado o seu primeiro Plan de Infancia e Adolescencia, un programa de actuación co que o goberno local asume a súa responsabilidade como axente promotor dos dereitos da poboación menor de idade do municipio. O pleno da corporación deulle luz verde nunha sesión extraordinaria na que tamén aprobou os terceiros Orzamentos Participativos, elaborados polo alumnado de 3º de ESO do instituto.

Coa aprobación do Plan de Infancia e Adolescencia créase o Consello Local da Infancia e Adolescencia (CLIA), que se reunirá periodicamente para consultar e implicar á poboación menor de idade de Cedeira nas políticas municipais. No plan identifícanse unha serie de obxectivos para os vindeiros cinco anos, entre os que están a organización de obradoiros sobre sexualidade no IES, achegar á mocidade información sobre os recursos que existen fronte á violencia machista, a ampliación do horario do Centro de Ocio Xuvenil, a creación de grupos para estudar, a mellora do catálogo de libros infantís e xuvenís na biblioteca, a realización de murais por parte de nenos e nenas ou a consulta ao CLIA sobre a oferta cultural e deportiva.

A elaboración do Plan foi un proceso participativo no que se contou con alumnado do colexio Nicolás do Río e do IES Punta Candieira. Organizáronse diferentes reunións e obradoiros para recoller as súas opinións e propostas nos que se amosaron moi entusiasmados e dispostos a aportar. Xunto coas súas ideas, o plan recolleu tamén as das asociacións socioculturais e deportivas de Cedeira, entre as que estiveron as de pais e nais de alumnos, así como as dos representantes políticos no concello e as dos técnicos municipais.

No mesmo pleno, celebrado o venres 5, aprobáronse os terceiros Orzamentos Participativos de Cedeira. Tal como se informou recentemente, unha representación do alumnado de 3º de ESO do IES Punta Candieira defendeu na sesión a proposta previamente votada en asemblea. Trátase dun proxecto que leva por título “Cedeira respira deporte” e que está orzamentado en 22.600€. O goberno local aceptou elevar a partida inicialmente prevista, 20.000€, para facer posible a compra do equipamento para o ximnasio municipal contemplada no mesmo. Na relación de equipamento para o ximnasio municipal están oito máquinas diferentes de forza e musculación.