Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

VISITA AO XACEMENTO DE SARRIDAL PARA COÑECER O AVANCE DOS TRABALLOS DE ESCAVACIÓN E CONSOLIDACIÓN

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o concelleiro de Cultura, Patrimonio e Deportes, José Antonio Rodríguez, acompañaron onte á delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, nunha visita ao xacemento arqueolóxico de Punta Sarridal. O equipo de Axa Arqueoloxía está desenvolvendo alí desde primeiros deste mes unha nova campaña, desta volta financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio, que ten por obxecto tanto a escavación dunha zona preto do cantil como a consolidación dos restos levantados agora e na anterior campaña que custeou o Concello.

Cómpre recordar que a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e o Concello de Cedeira manteñen desde que se realizaron as primeiras catas na zona do Sarridal, hai seis anos, unha alternancia na financiación das sucesivas campañas, de escavación e consolidación dos restos. Segundo explicou Emilio Ramil, o arqueólogo que dirixiu os traballos desde o primeiro momento, nesta actuación, que se vai prolongar ata decembro, se está a completar a descuberta de toda a muralla, concretamente na zona máis próxima ao cantil, así como os restos da mesma época que están na terraza e que corresponden a unha zona industrial, tamén da época castrexa. Neste punto hai moita escoria e terra queimada, así como os restos dunha forxa, onde os habitantes do castro fabricarían coitelos e outras ferramentas.

Durante esta campaña o equipo de AXA Arqueoloxía vai realizar tres visitas comentadas. Hoxe foi a primeira e as seguintes serán os días 23 e 30 de novembro, ás 11.00 horas. Nelas é posible coñecer, coas explicacións dos propios arqueólogos, os achados deste castro, entre os que destacan unha pedra formosa, a quinta descuberta en Galicia. A través das sucesivas campañas coñeceuse que o enclave estivo habitado desde o século III ou IV antes de Cristo ata, polo menos, o IV ou o V despois de Cristo, de maneira que hai restos da época castrexa e posteriores, da galaico-romana.

Tal como se informou recentemente, a seguinte fase de traballos que se quere abordar abrangue a retirada do camiño que bordea as estruturas castrexas xa levantadas e que se dirixe ao Castelo da Concepción, para recuperar os restos que están por debaixo e que completarán a exhumación do foxo, o pavimento e o muro. Para garantir a circulación de peóns pola zona, ao tempo que se poñen en valor estes restos, haberá que construír unha ponte de madeira sobre a zona a escavar que requerirá un investimento duns 18.000€. En total, as necesidades de financiación desta nova fase das actuacións ascende a uns 36.000€, contando esta ponte, a consolidación da última campaña e a excavación na zona do camiño.

O alcalde e o concelleiro de Cultura de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil e José Antonio Rodríguez, mantiveron no pasado mes de setembro unha xuntanza coa directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua, para abordar precisamente as futuras fases da escavación, nas que o Concello confía en seguir contando co apoio da Xunta.