Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

OS BANCOS MARISQUEIROS DE PANTÍN E ESTEIRO ESTÁN A REXISTRAR ALTOS NIVEIS DE CONTAMINACIÓN

Os alcaldes de Cedeira e Valdoviño, Pablo Diego Moreda Gil e Alberto González Fernández, xunto con outros concelleiros dos seus gobernos locais, mantiveron este xoves unha reunión con mariscadoras da Confraría de Cedeira para abordar a grave situación que se está a rexistrar nos bancos de ameixa e berberecho das enseadas de Pantín e de Esteiro, así como na praia de Vilarrube. Estas zonas pasaron hai pouco a ser zonas C, polos altos niveis de E. coli que se detectaron, polo que é preciso retirar o marisco e reinstalalo en xaulas ata que acadan os niveis sanitarios dunha zona A. “É urxente detectar a orixe desta contaminación, que ameaza o futuro duns bancos que sempre se caracterizaron pola excelente calidade das augas”, coincidieron en subliñar Moreda Gil e Alberto González.
Segundo se acordou no encontro, os concellos de Cedeira e Valdoviño van reclamar a mediación da delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, para urxir reunións cos organismos concernidos –Sanidade, Medio Ambiente, Augas de Galicia e o propio Intecmar- e reclamar que se investigue cal é o foco, ou focos, desta contaminación. Trátase dunha zona do litoral que mantiña, desde hai moitos anos, unha calidade e limpeza das augas excelente. Desde o 2020 se producen puntuais elevacións dos niveis de ecoli e o pasado ano xa estiveron estas zonas calificadas como C desde novembro a febreiro.
O colectivo de mariscadoras e mariscadores da Confraría de Cedeira –actualmente 17 persoas- está moi preocupado pola situación. Na actualidade, o problema causa de feito a parálise da actividade durante moitos días. Os temporais conficionan as viaxes que pode facer o barco que recolle o marisco para levalo ás xaulas de depuración na boca da ría de Ferrol, por unha banda, e por outra os venres o servizo non funciona. A Xunta tampouco ten operativo o sistema de reinstalación durante os meses de xullo e agosto, polo que de prolongarse o problema podería causar un prexuizo moito máis grave durante o próximo verán.
Máis aló dos danos para o colectivo de mariscadoras, os alcaldes de Cedeira e Valdoviño coincidiron en sinalar que é un problema de saúde pública e que require dunha actuación decidida.