Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

URXEN UNHA SOLUCIÓN AOS REPETIDOS EPISODIOS DE CONTAMINACIÓN DAS AUGAS DO LITORAL CEDEIRÉS

O alcalde de Cedeira, Diego Pablo Moreda Gil, recorda á Xunta de Galicia o problema de contaminación que está afectando ás augas do litoral de Cedeira, con graves consecuencias para os bancos marisqueiros de Pantín, Esteiro e Vilarrube. As analíticas de toda esta zona, na que tradicionalmente as augas tiveron unha excelente calidade, reflicten desde o ano 2020 ocasionais elevacións do índice de E.coli e a situación é cada vez máis frecuente. Fixárase un encontro coa delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, para o 23 de febreiro pero a cita foi adiada por cuestións de axenda. “De maneira que levamos esperando xa 128 días a que os responsables na materia nos reciban e poder tratar este problema, que é moi grave”, explicou o rexedor de Cedeira.

Moreda Gil e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, mantiveron a mediados de novembro pasado unha reunión coas mariscadoras que traballan no litoral afectado. Coa detección da contaminación por E.coli, os bancos de ameixa e berberecho foron clasificados como zonas C, de maneira que o marisco alí recollido é reinstalado nunhas xaulas ata que acadan os niveis dunha zona A. Desde a Confraría de Pescadores e Mariscadores de Cedeira alertan de que as últimas analíticas ameazan tamén coa recalificación da praia da Madalena e chaman a atención sobre o feito de que ás veces as analíticas dan uns resultados excelentes e outras saen moi mal, o que fai pensar en que son verquidos puntuais e non constantes.

O alcalde de Cedeira xa mantivera en decembro un encontro co presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, na que se reclamou a este organismo que ordene o saneamento da zona portuaria de Cedeira, que é da súa competencia e na que existen puntos de verquido. “É urxente que os organismos concernidos, entre os que está Portos de Galicia e tamén Augas de Galicia, o Intecmar e as consellerías de Sanidade e Medio Ambiente, adopten medidas urxentes”, reclamou o alcalde de Cedeira. “Non é exclusivamente un problema do marisqueo, que para nós é un sector importantísimo, tamén de saúde pública”, subliñou.