Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA IMPULSA AS EXCURSIÓNS ESCOLARES Á CAPELADA CUN PROGRAMA QUE COMBINA XOGO, DEPORTE E CULTURA

O Concello de Cedeira quere promover as excursións de grupos escolares á Serra da Capelada, nun intento de que a xente nova coñeza de primeira man unha zona de alto valor paisaxístico e xeolóxico, núcleo do Xeoparque Cabo Ortegal que vén de ser recoñecido pola Unesco. O goberno local impulsa o programa da man das empresas de turismo activo Orixen e Portal Norte, que artellaron un programa de actividades que combina xogo, deporte e cultura co fío condutor da “Búsqueda do sanandresiño”.

Nenos e nenas poderán pasar unha xornada de actividades, adaptadas a cada grupo e idades, que se desenvolverá no parque de cordas do Campo de Armada e arredores. A cativada poderá gabear ás árbores e desplazarse entre elas coa axuda das cordas, estruturas de madeira e pontes colgantes que están instalados. No programa da xornada tamén ten cabida o sendeirismo e a orientación, xa que aprenderán a utilizar unha brúxula e terán que buscar con ela as balizas agochadas pola zona, cada unha delas asociada, no xogo, a elementos destacados da paisaxe e o territorio, como son o mar, a propia serra da Capelada, o santuario de Santo André de Teixido…

No programa da xornada ten cabida tamén un achegamento aos valores xeolóxicos da zona, coñecendo algunhas das rochas máis características do Xeoparque e gozando das vistas dos acantilados máis altos de Europa. A procura do “sanandresiño” guiará todo o xogo, co que tamén os participantes aprenderán sobre a cultura da zona e traballarán valores como a importancia dos hábitos saudables e do coidado da natureza.

Os colexios de calquera municipio que desexen organizar unha destas saídas poden poñerse en contacto co Concello de Cedeira para organizala enviando un mail a noel.lopez@cedeira.gal. A actividade un prezo bonificado pola administración local.