O CONCELLO DE CEDEIRA CONTRATA A REDACCIÓN DO NOVO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL POR 181.469€
O Concello de Cedeira adxudicou á empresa Estudio Técnico Gallego a redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), por presentar a oferta máis vantaxosa entre as cinco que optaron ao proceso de licitación. O presuposto de contratación é de 181.469,75€ e o prazo de execución de catro anos, ainda que con seguridade a finalización do traballo demorarase máis porque o tempo deixará de correr cando o plan estea en tramitación nas diferentes administracións. A contratación realízase por un importe case un 30% por debaixo do prezo de licitación.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, subliña que a elaboración do PXOM é un proceso moi importante para o futuro de Cedeira e que precisa da participación e a implicación das forzas políticas, as entidades sociais e a cidadanía en xeral. Durante a elaboración do plan vanse convocar diferentes mesas de participación, unha delas específica de igualdade e outra de xuventude, para garantir o debate e a detección de necesidades.
“O reto é dotarnos dunha planificación que resposte ás aspiracións presentes e futuras de Cedeira, que permita desenvolver equipamentos como un novo colexio, aparcamentos ou máis zonas verdes, que facilite levar máis servizos á zona rural, que aporte seguridade ás persoas que teñen terreos para que saiban o que poden construír, que protexa o noso patrimonio… o plan xeral é o marco que nos damos a nós mesmos para que o urbanismo do noso municipio crezca de maneira ordenada”, explicou o alcalde. Moreda Gil subliñou que “o correcto desenvolvemento do PXOM contribuirá a mellorar servizos e fixar poboación en Cedeira, ao tempo que impulsamos o turismo coa filosofía de sostibilidade que defendemos no Xeoparque”.
O novo PXOM de Cedeira vai redactarse dacordo coa Lei do Solo Galega (LSG) e coa Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUG). Actualmente, e segundo os datos publicados pola Xunta, so hai en Galicia 128 concellos cun plan adaptado á lexislación actual. O PXOM do Concello de Cedeira data do ano 1995 e elaborouse no seu momento dacordo coa lexislación de 1992. No ano 2008 a administración local de Cedeira puxera en marcha a redacción dun novo PXOM que non chegou a termo, de aí que desde o goberno municipal se inste a sumar esforzos e sacar adiante o plan, que xa requeriu un intenso traballo do persoal técnico do Concello na preparación do expediente de contratación.
Xunto coa redacción do novo PXOM de Cedeira a empresa adxudicataria realizará unha cartografía do territorio segundo o modelo de datos SIX. Como é preceptivo tamén neste tipo de traballos, o novo plan conleva un estudo ambiental estratéxico. O documento definirá os usos do territorio, desde o solo industrial ao edificable, as zonas verdes, para equipamentos, etc.