Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PLENO DE CEDEIRA APROBA O ORZAMENTO DE 2024 E A INCORPORACIÓN DE REMANENTES DO PASADO ANO

O pleno de Cedeira aprobou onte nunha mesma sesión, cos votos a favor do PSOE e o BNG, o orzamento municipal para o presente ano 2024 e unha modificación de créditos. O presuposto anual ascende a 6.433.888,27€, que representan un incremento do 0,49% respecto ao anterior de 2023, mentres que o expediente de modificación de créditos incorpora aos recursos económicos do Concello neste exercicio remanentes de Tesourería del año pasado por valor de 681.279,43€.

Os orzamentos de 2024 consignan 575.307,79€ a investimentos. Destacan neste apartado os proxectos que se van acometer coa financiación da Deputación Provincial, concretamente a rehabilitación do Palacete, a creación dunha zona verde de lecer na rúa Silva e a mellora de 15 camiños de titularidade municipal que suman máis de 6,7 quilómetros.

En canto aos investimentos, cómpre apuntar que a modificación de créditos aprobada na mesma sesión lles destina tamén un total de 225.913,89€, que servirán para levar adiante proxectos como a creación dunha zona axardinada e con aparcadoiro en Crónicas, a reparación de barandas da Ponte Vella e a praza da Reitoral, o arranxo do muíño da Corredoira e outras actuacións.

Un ano máis increméntase a contía destinada a subvencións, que ascende este ano a un total de 321.450€. Están incluídos os fondos municipais que, a través de convenios nominativos, o Concello de Cedeira destina a Protección Civil, a Cruz Vermella, a asociación Sobre Rodas, Apader, Abac, as asociacións de nais e pais Pica Peixe e O Beco, a asociación San Andrés de Teixido, A Crina, Arce e a Banda de Música Vila de Cedeira, así como a subvención para a escola de música Vila de Cedeira, que é de concorrencia competitiva. Tamén están nesta partida os 120.000€ que a administración local reserva para a convocatoria de axudas para financiar infraestruturas e actividades das entidades socioculturais e deportivas da localidade, e as aportacións para os grupos políticos municipais, a FEMP e a FEGAMP, a asociación Seitura, a entidade de xestión do Xeoparque Cabo Ortegal e a Mancomunidade.

De novo mantén o Concello de Cedeira o seu esforzo no eido dos servizos sociais. A partida destinada a estes programas increméntase preto dun 1% e chega ata 1.310.583,75€ que representan máis do 20% do orzamento municipal. Increméntase neste exercicio dunha maneira importante a contía dos fondos destinados ao fomento do emprego, que chega a 90.526,34€ (case un 90% máis que o ano pasado).

Os gastos de persoal do Concello de Cedeira ascenden este ano a 3.389.514,14%. A cifra actualizouse á alza nun 4,80% para dar cumprimento á suba das retribucións do persoal municipal segundo o acordo marco establecido entre Goberno e sindicatos e tamén para facer fronte a posibles acumulacións de tarefas e substitucións por baixas temporais, sobre todo do persoal de Servizos Sociais.