Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O programa de Nadal de Cedeira inclúe panxoliñas, sesións de photocall e un concerto de Guadi Galego

O Concello de Cedeira convida a veciñanza a participar activamente no programa de Nadal que dá comezo esta fin de semana cos festivais de panxoliñas organizados polas Rondalla de Cedeira e mais da Coral Virxe do Mar, e no que tamén haberá obradoiros, concertos, unha festa acuática e as esperadas visitas de Papá Noel e dos Reis Magos. Estes dous primeiros festivais de panxoliñas serán sábado e domingo ás 20.00 e 19.00 horas, respectivamente.

A música volverá o venres 20 ao centro cultural coa celebración da audición de Nadal protagonizada polos 130 alumnos matriculados na Escola de Música Vila de Cedeira.

Tanto ese venres como o sábado 21, haberá sesións de photocall na bóla xigante que desde a pasada fin de semana adorna e ilumina a céntrica praza Roxa, e o sábado 21 e domingo 22 celebraranse os festivais de panxoliñas promovidos pola Coral Estrelas do Mar (19.30 horas) e Coral Eixil (20.00 horas).

A visita de Papá Noel está prevista para a tarde do domingo 22, coa súa chegada en lancha á praza do Peixe, o posterior percorrido polas rúas da vila e a recepción oficial que será na praza Roxa.

O centro de ocio xuvenil acollerá obradoiros de cine, que se levarán a cabo os días 27, 28 e 29 de decembro e para os que é necesario apuntarse previamente no polideportivo municipal ou a través do correo electrónico manuel.martinez@cedeira.gal.

O venres 27 haberá ademais unha sesión de laser tag no pavillón polideportivo, mentres que ao día seguinte(28 decembro) será o Concerto de Nadal da banda de música Vila de Cedeira, e que dará comezo ás 20.00 horas no auditorio.

O domingo 29 terá lugar o esperado concerto no que Guadi Galego interpretará as cancións do seu último traballo discográfico, que leva por título immersión e que é unha revisión en varias linguas afíns á autora, por territorio cultura e emoción, “unha reinterpretación da súa propia música”. A cita coa intérprete local será ás 19.00 horas.

A noite de fin de ano despedirase como é tradicional na praza Roxa e, nesta ocasión, estará amenizada pola orquestra La Favorita.

O 2020 dará comezo, para efectos de ocio, o venres 3 coa celebración dunha festa acuática infantil na piscina municipal, para nenos/as de 5 a 12 anos, e coa visita dos Reis Magos durante a tarde do día 5. Os magos sairán ás 18.00 horas do colexio Nicolás del Río para, a continuación, presidir a recepción oficial no Palacete da vila. A festa rematará cunha merenda “de reis” e xogos inchables no pavillón do devandito centro educativo.