Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Ministerio de Transición Ecolóxica segue a dar novos pasos cara á recuperación da cetaria do Sarridal

O MINISTERIO DE TRANSICIÓN ECOLÓXICA SEGUE A DAR NOVOS PASOS CARA Á RECUPERACIÓN DA CETARIA DO SARRIDAL

A Subdirección General para la Protección de la Costa, dependente do Ministerio de Transición Ecológica, xa está a traballar nos trámites previos que darán lugar á recuperación da antiga cetaria do Sarridal. Así o confirmou o responsable do devandito organismo estatal, Ángel Muñoz Cubido, ao alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, nun encontro que tivo lugar onte en Madrid e que o rexedor valorou de xeito especial por tratarse “dunha actuación que contribuirá á posta en valor do patrimonio local e que ten moito interese cara ao sector turístico”.

O compromiso do responsable da Protección de la Costa pasa por axilizar ao máximo os informes e trámites pendentes coa fin de garantir o inicio dos traballos inmediatamente despois de que exista a consignación orzamentaria correspondente. Pola súa banda, o alcalde reiterou a oferta que se fixo desde a administración local no sentido de colaborar economicamente na execución dunhas obras cuxo importe actualizado podería superar os 300.000 euros. A achega municipal sería fixa, tal e como se ten acordado, pero aínda está sin determinar a súa cantidade.

O Concello ademais xa realizou o procedemento de impacto ambiental e, por parte da Demarcación de Costas, sometouse a exposición pública un proxecto que se atopaba paralizado desde o ano 2010 por unha decisión técnica e que consistirá na recuperación das estruturas existentes e en darlle accesibilidade ao lugar, moi próximo ao castelo da Concepción e mesmo tamén ao xacemento arqueolóxico no que foi localizada a quinta pedra formosa de Galicia.

O goberno municipal de Cedeira valora e aprecia o compromiso que o Ministerio de Transición Ecológica está a demostrar coa administración de Cedeira, tanto por parte do máximo responsable Subdirección General para la Protección de la Costa, Ángel Muñoz, como pola de Rafael Eimil e Carlos Gil no caso da Demarcación de Costas de Galicia. Esta colaboración xa deu lugar, o pasado mes de febreiro, á licitación da redacción do proxecto e o estudio de impacto ambiental da praia da Madalena, estimado en 110.000 euros e cun prazo de execución de 12 meses.