Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O GOBERNO LOCAL DE CEDEIRA COMPRA Á CONFRARÍA DE PESCADORES A PARCELA DO MIRADOIRO DE CRÓNICAS

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou o prego administrativo para a adquisición dunha parcela propiedade da Confraría de Pescadores e situada no barrio mariñeiro de Crónicas, xunto á rúa de Nosa Señora do Mar. É unha operación que vén regularizar unha situación que existía de facto desde hai anos, xa que o Concello viña asumindo o coidado e mantemento destes terreos.

O acordo acadado polo Concello de Cedeira e a Confraría de Pescadores establece o prezo da parcela en 18.300€, segundo a valoración dos técnicos, e especifica que terá que manter o uso dotacional como mínimo durante vinte anos. A totalidade da superficie mide algo máis de mil metros cadrados. Nela unicamente está construída unha pista deportiva con dúas porterías, e o resto do espazo é zona verde, con algún banco, e de aparcamento. A franxa de terreo sitúase diante das vivendas de mariñeiros da rúa de Nosa Señora do Mar, sobre o camiño de Area Longa. Desde el hai unhas excelentes vistas da praia da Madalena e do faro de Robaleira e, de feito, o lugar conta cun miradoiro.

Segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a intención do goberno local é adquirir tamén algunha outra parcela na zona e acometer unha posta ao día das mesmas, mantendo o seu carácter de espazo público e de lecer, así como habilitando espazos para aparcamento.