Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA PON EN MARCHA O CONSELLO LOCAL DA INFANCIA E ADOLESCENCIA

O pleno da corporación de Cedeira aprobou o venres por unanimidade o regulamento do Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA), nunha sesión extraordinaria na que xa estiveron presentes os trinta nenos, nenas e adolescentes que van integrar este órgano consultivo. Tal como explicou na súa intervención Noel López, concelleiro de Mocidade, o CLIA vai ser “o lugar de interlocución” coa alcaldía e o resto das concellerías, para “facer chegar as súas demandas ou necesidades, trasladar as preocupacións ou problemáticas que lles afectan”.

A creación do CLIA é consecuencia do Plan de Infancia e Adolescencia que aprobou o pleno da corporación de Cedeira o pasado 5 de maio. Na posta en marcha da folla de ruta que contén dito plan está a aprobación do regulamento e a creación deste Consello Local, que segundo explicou Noel López vai comezar a funcionar de inmediato. A vindeira semana, os rapaces e rapazas que forman o CLIA van realizar unha visita ao Parlamento de Galicia e en decembro asistirán a unha charla sobre o funcionamento dos Orzamentos Participativos que está a desenvolver o Concello desde hai varios anos.

A intención do goberno local é facer de Cedeira unha “Cidade Amiga da Infancia”, unha distinción que Unicef concede a aquelas vilas comprometidas cos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, dacordo coa Convención sobre os Dereitos do Neno. É un título que unicamente posúen nesta zona os concellos de Moeche e Cabanas. Cedeira quixo celebrar o pleno de aprobación do CLIA en vésperas deste 20 de novembro, data na que se conmemora o Día Mundial da Infancia, para adherirse a este “club” que representa poñer todas as políticas municipais tamén baixo a mirada da poboación menor de idade, atendendo ás súas necesidades de xeito transversal.

Cómpre destacar o grande interese amosado polo alumnado do CEIP Nicolás do Río e do IES Punta Candieira por participar no CLIA. A educadora social Tania Merelas, que foi a técnica que coordinou a elaboración do plan e a súa posta en marcha, fixo unha serie de sesións con rapaces e rapazas de ambos os dous centros para explicarlles o que é o consello local e como vai funcionar, cunha excelente resposta. Presentáronse máis voluntarios e voluntarias dos 30 necesarios, polo que foi preciso seleccionar coidando o equilibrio por idades e centros.

O CLIA está formado polos nenos, nenas e adolescentes, desde os dez anos de idade aos 17, así como por representantes dos centros educativos e das asociacións de nais e pais O Beco e Picapeixe, e do goberno municipal.

Descarga regulamento na seguinte ligazón:

Descarga PDF Regulamento CLIA