Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO RECUPEROU A ANTIGA FONTE DA BARCA, NA PARROQUIA DE SAN FIZ DE ESTEIRO

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, informou de que xa están rematadas as obras de recuperación da fonte da Barca, na parroquia de San Fiz de Esteiro. O rexedor local amosouse satisfeito co resultado da intervención, na que o Concello investiu 8.467€ (IVE incluído), e subliñou que con ela avanza o plan de rehabilitación de fontes e lavadoiros do goberno local. “Son elementos singulares do noso patrimonio arquitectónico, lugares vencellados á nosa historia cotiá, nos que tradicionalmente se reunían e convivían os veciños e veciñas –explicou Moreda-; de maneira que non poden quedar no abandono”.

A fonte da Barca presentaba un estado de avanzado deterioro e estaba en total desuso. As obras consistiron na retirada do vello teito, que estaba caído, así como en picar e recebar os muros deixando a pedra á vista. Repuxéronse os piares de pedra e reconduciuse a auga ata o interior da pileta e, por último, fíxose un recrecido do chan e o enlousado aproveitando a pizarra da antiga cuberta.