Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

UNÁNIME REXEITAMENTO AO PECHE DE VESTAS EN VIVEIRO POR PARTE DOS GRUPOS MUNICIPAIS DE CEDEIRA

O pleno da corporación de Cedeira aprobou por unanimidade na súa sesión ordinaria de setembro, celebrada onte, unha moción apoio aos traballadores e traballadoras da planta de Vestas en Viveiro. Na mesma, o Concello insta á Consellería de Economía, Empresa e Innovación ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para que no marco das súas competencia adopte “todas as medidas necesarias para esixir á empresa Vestas que reconsidere a súa decisión de peche e buscar solucións alternativas”.

Na exposición de motivos da moción, presentada ao pleno polo grupo do PSOE, sublíñaxe que o peche da fábrica de aeroxeradores de Vestas en Chavín, no Concello de Viveiro, terminaría cos empregos das 115 personas que traballan na planta. Isto suporía “un agravamento da situación da industria e do emprego non só na Mariña, senón tamén en moitos concellos próximos da comarca de Ortegal”.

Destaca tamén a moción que o sector eólico está nunha etapa de expansión, “polo que este peche sorprende”. “Á preocupación xerada pola situación na que se atopa a multinacional Alcoa, súmase agora este novo peche dunha industria importante”, explica o texto, que engade que a medida suporía “un duro golpe económico para toda esta zona, que leva anos asistindo a un grave desmantelamento industrial, coa conseguinte perda de emprego e proxectos de futuro”.

A reunión do pleno celebrouse na tarde de onte despois de que o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e outros responsables do goberno local mantiveran unha reunión cun grupo de traballadores e traballadoras de Vestas, todos eles veciños e veciñas de Cedeira. “Toda a corporación municipal vai traballar xunto ao persoal de Vestas polo futuro da súa fábrica e tamén polo futuro industrial da zona”, dixo Moreda.

No máis inmediato, e xunto coa aprobación da moción, o Concello de Cedeira apoia a manifestación convocada para mañá, sábado, ás 12.00 horas, en Viveiro co lema “Polo futuro da Mariña”.

O alcalde reclamou tamén que o conselleiro de Economía, Francisco Conde, resposte con axilidade á demanda do comité de empresa de Vestas de reunir, antes do día 6 de outubro, a mesa industrial coa representación política, a empresa e a representación sindical para abordar a situación.