Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PON EN MARCHA O PROGRAMA DE VERÁN “DE RUTA”

O Concello de Cedeira pon en marcha durante o mes de agosto o programa ”De Ruta” con saídas guiadas a pé polos excepcionais paisaxes do municipio. As saídas que serán os días 2, 4, 9, 23, 25, 30 de agosto, todas de balde e cun límite máximo de 15 participantes.

O programa “De Ruta” comezará o mércores 2 de agosto cun percorrido ao faro de Robaleira. Será unha saída de 8km, de dificultade baixa/media e que se realizará nunhas catro horas, con saída desde a oficina de turismo ás 10.00 da mañá. O itinerario será circular, parte del polo sendeiro que vai desde as vellas fábricas de San Isidro ao faro. Unha vez alí o grupo poderá ver a antiga cetaria, a cala Mi Señora e gozar coas vistas da ría de Cedeira. A volta realizarase polo camiño que leva da praia das Cerdeiras ao Barral. Poderase facer esta ruta tamén o mércores 30 de agosto.

Para os venres 4 e 25 de agosto, a proposta é unha ruta polos Altos de Santo André. Serán tamén 8km dunha dificultade técnica baixa/media, pero con saída desde o mirador dos Carrís ás 10.00 da mañá, e o percorrido irá pola Serra da Capelada e permitirá gozar coas vistas dos cantís de Santo André de Teixido, a Vixía de Herbeira e as rías de Ortigueira e Cedeira.

Os mércores 9 e 23 de agosto, farase un percorrido circular no entorno de Punta Candieira, cubrindo unha distancia de 9km que, se estima, levará catro horas. Saída desde a oficina de turismo ás 9.30h. Facilitarase o traslado até o inicio da ruta a todas/os as/os participantes.

As persoas interesadas teñen que realizar a súa inscrición no Polideportivo Municipal, ou ben chamando ao número 981 482 633 ou enviando un mail a polideportivocedeira@gmail.com.