Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO INVISTE MÁIS DE 61.000€ NO ARRANXO DAS FACHADAS E O TELLADO DA AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL

Dous anos despois da ampliación da escola infantil municipal de Cedeira, o Concello vén de contratar obras, por valor de 61.353€, para a adecuación exterior do edificio que cedeu para dotar de novos espazos ao centro. Os traballos, tal como explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, consisten na reparación e pintado das fachadas, así como no cambio dos ventanais, o arranxo do beirado do tellado, que mesmo presenta risco de caer, e a colocación de novos caleiros.

Tal como recordou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, no ano 2019 o Concello de Cedeira colaborou co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para facer posible a ampliación da escola “A galiña azul”. Daquela, a institución municipal puxo a disposición do organismo autonómico os locais necesarios, no edificio da súa titularidade contiguo á escola. As obras cinxíronse ao interior, cun presuposto de 141.000€ dos cales o Consorcio asumiu a maior parte, e permitiron incrementar o número de prazas das 58 anteriores ás 78 actuais.

Porén, quedaba pendente a adecuación do exterior do inmoble no que se executou a ampliación. Así, o Concello contratou recentemente o cambio dos seis ventanais do inmoble á empresa Proinor, por un presuposto de 11.736€ (IVE incluído). A esta obra, que aínda está por executar, súmanse agora outras intervencións necesarias. Está xa en marcha a limpeza, reparación e pintado e impermeabilización das fachadas, que realiza a empresa Agustín González Carro por un presuposto de 18.966€. Prieto Mouriz farase cargo do arranxo do beirado da cuberta, coa desmontaxe de parte das tellas e o formigonado das cornixas, por 24.891€, e Canalones Valdoviño renovará os caleiros por 2.347€.A todo isto súmase a instalación das estadas precisas para o desenvolvemento dos traballos, que fixo Alquileres F-3 por 3.412€.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que o goberno local está á espera de poder reunirse coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para abordar a construción dun Centro de Día en Cedeira. O goberno local ten o proxecto de facelo realidade nunha parcela de titularidade municipal, próxima á antiga estación de autobuses. “É unha demanda moi necesaria, para Cedeira e tamén para outros municipios da zona, que temos que impulsar a través dun acordo de cofinanciación”, explicou Moreda.