Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO EMPRENDE A PRIMEIRA EXPERIENCIA DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS CO IES PUNTA CANDIEIRA

O Concello de Cedeira vai lanzar este mes de novembro o seu primeiro proxecto de orzamentos participativos co alumnado de cuarto de ESO do IES Punta Candieira. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que a iniciativa responde “ao compromiso do goberno local de abrir as portas da administración municipal a este tipo de procesos, nos que a cidadanía ten un papel activo e directo na decisión sobre en que se gastan os recursos públicos” e destacou que esta experiencia piloto “vai ser vinculante, é dicir, vaise traducir xa este ano na participación real dos rapaces e rapazas cedeiresas no próximo presuposto do seu Concello, porque incorporaremos as súas propostas”.

En concreto, a mocidade cedeiresa decidirá onde se invisten 20.000€ do próximo orzamento municipal da súa vila.

O programa comezará en novembro con diferentes sesións informativas e de debate nas aulas. O profesorado e a dirección do IES Punta Candieira, así como as familias dos mozos e mozas que protagonizarán esta experiencia piloto, están informados e implicados no seu desenvolvemento.

Segundo explicou a concelleira de Participación Cidadá, Carmela Prieto, o plan de traballo abrangue desde novembro a febreiro. A través desta experiencia, o alumnado achegarase ao funcionamento do Concello, aos seus órganos de decisión e á organización das diferentes áreas de xestión.

En primeiro lugar debatirán sobre as necesidades da súa vila, para a partir diso chegar a elaborar propostas. O persoal técnico do Concello tamén vai implicarse na iniciativa, tanto para verificar que as propostas son viables económica e xuridicamente como para explicar ao alumnado o itinerario que segue unha proposta ata a súa execución. Finalmente as propostas votaranse en asemblea.

O programa vai seguir a metodoloxía da “Cidade dos Nenos/as” do pedagogo Francesco Tonucci, convertindo ao alumnado en protagonista no deseño de actuacións públicas, e os postulados da Convención Internacional dos Dereitos do Neno, que no seu artigo 12 contempla a necesidade de expresar opinións naquelas decisións que lles afecten e telas en conta.

Para o desenvolvemento do proxecto, o Concello contratou á consultora Goodlife Factory.