O CONCELLO E FEGADACE ORGANIZAN UNHA CHARLA INFORMATIVA SOBRE O DANO CEREBRAL ADQUIRIDO
O Auditorio de Cedeira acollerá este mércores, día 26, ás 18.00 horas, unha charla informativa sobre “O dano cerebral adquirido”. Trátase dunha actividade que organiza o Concello coa colaboración da Fegadace (Federación Galega de Dano Cerebral) e que ten o obxectivo de ofrecer orientación e axuda ás familias de persoas cunha discapacidade consecuencia dun accidente cerebral. En Galicia hai máis de 35.000 persoas con este problema e o 78% dos casos foi provocado por un ictus.
A charla correrá a cargo dunha traballadora social de Fegadace e tratará sobre as causas do dano celebral adquirido –a maior parte das veces o ictus e tamén os traumatismos por accidentes de tráfico-. A relatora ofrecerá tamén consellos para a prevención naqueles casos nos que é posible e ofrecerá pautas útiles para o coidado e a rehabilitación das persoas afectadas. Compartirá tamén o contacto e os recursos que que familiares e amigos das persoas afectadas poden atopar a través da Federación e a súa referencia máis próxima, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña (Adaceco).
A actividade conta co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.
0