Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA LEVA Á DEPUTACIÓN A PETICIÓN DUNHA SENDA PEONIL DE CHAO DO MONTE A SANTO ANDRÉ

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o concelleiro de Cultura, Patrimonio e Deportes, José Antonio Rodríguez, reuníronse recentemente na Coruña coa deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez Ordóñez, para solicitar a mellora da mobilidade peonil nos accesos ao núcleo de Santo André. Concretamente, o goberno local pide a construción dunha senda que facilite o percorrido a pé desde o mirador de Chao do Monte ata enlazar coa senda xa existente na entrada de Teixido, nun itinerario duns 3 km. A actuación precisaría dun orzamento aproximado de 600.000€.

O obxectivo é seguir mellorando os accesos a Santo André de Teixido, un lugar que recibe cada vez máis visitantes e que ten o seu acceso fundamental a través da estrada provincial DP 2206. Cómpre recordar que a Deputación Provincial rematou xa en 2021 a variante de Pontigas, na CP 2204, salvando os estreitamentos da vía que facían difícil a circulación ao seu paso polo núcleo de poboación. Foi unha mellora especialmente importante para os numerosos autobuses que se dirixen a Santo André, ao igual que sucede coas obras que vai iniciar en breve a Deputación no punto quilométrico un da estrada 2206 e que van corrixir a perigosa curva que existe na valgada do regato de Tide. A institución provincial inviste nestas obras preto de 395.000€.

Xunto coa mellora das condicións para o tráfico rodado, o goberno local de Cedeira aspira a mellorar e facilitar a peregrinación a pé ao núcleo de Teixido. A senda peonil é unha actuación especialmente dirixida ás persoas con problemas de mobilidade, que atopan especiais dificultades no trazado orixinal do camiño. A proposta do Concello pasa por abrir unha senda de dous metros de ancho, que tamén contribuiría a dar máis amplitude á estrada nun trazado estreito e inzado de curvas.

O goberno local solicitou á Deputación Provincial a súa aposta por este proxecto, para o que tamén pediu o máximo respeto ao contorno natural e patrimonial. A aspiración do Concello é poder ampliar no futuro a senda peonil e levala ata Cedeira, conectando a vila con esta aldea, que constitue o núcleo de peregrinación máis importante de Galicia despois de Compostela. Trátase dun plan que encaixa coa estratexia de desenvolvemento do Xeoparque Cabo Ortegal, na que teñen peso as rutas de sendeirismo e tamén a potenciación do camiño a Santo André.