Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO CEDE SEIS PROXECTORES ÁS ASOCIACIÓNS DE VECIÑOS E PON DOUS A DISPOSICIÓN DOUTRAS ENTIDADES

O goberno local de Cedeira vén de ceder gratuitamente seis proxectores ás asociacións de veciños de Montoxo, Régoa, San Román, Piñeiro e Esteiro (neste último caso dous, un para o local de Saa e outro para o de Sisalde). Trátase de equipos que o Concello comprara no seu día para o colexio e que caeran en desuso por ter o centro educativo outros máis novos.

Así, o Concello ocupouse de revisar e reparar estes equipos para poñelos a disposición das asociacións de veciños. Quedou ademais con outros dous proxectores que poderán ser empregados polas entidades culturais, sociais ou deportivas da localidade que así o soliciten.

Ademais, o Concello tamén adquiriu recentemente un desfibrilador para a nova asociación de veciños de Régoa, un equipamento que tamén ten xa o resto das entidades veciñais da localidade. Dotoulla, igualmente, dunha caldeira de biomasa para facer máis confortable o local social.

Proxector para o Auditorio
Por outra banda, o Concello de Cedeira comprou recentemente un novo proxector para o Auditorio Municipal que permite o pase de películas con alta definición. Foi un investimento de 13.046,22€ (IVE incluído), cuxa rendibilidade está a comprobarse xa nas sesións do ciclo Mestre Mateo, no que a veciñanza está a ver de xeito gratuíto as cintas finalistas dos premios do cine en galego.

Concretamente, o Auditorio Municipal incorporou ao seu equipamento un proxector Epson EB-PU2010B, con 10.000 lúmenes, para a visualización en alta definición en formato panorámico. O custe do proxector foi de 11.968,11€ (IVE incluído), porén este tipo de equipo precisa a incorporación dunha lente –no caso dos de uso doméstico vén xa incorporada). Adquiriuse por elo tamén unha lente Epson (ratio,45-2,32:1) cuxo prezo foi de 1.078,11€ (IVE incluído).

O alcalde, Pablo Moreda, enfatizou que o importe total é o resultado da compra do proxector e a lente e lamentou que o grupo do PP teña manifestado en redes sociais que a compra se realizou fóra de Cedeira e por riba do prezo de mercado sen ter en conta a indispensable lente. Puntualizou, tamén, que a elección do proveedor realizouse seguindo as consideracións dos técnicos municipais, que fan as súas recomendacións en función do seu coñecemento e de criterios obxectivos. Ao fío disto, o alcalde pediu ao grupo da oposición “máis rigor e responsabilidade”.