Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA ENTRÉGASE DESDE MAÑÁ Á FESTA DO SAMAÍN

A vila de Cedeira volve un ano máis ao cerne da festa tradicional do Samaín galego, fuxindo do anglosaxón Halloween. Será un ano máis unha festa popular, en cuxa organización está implicada unha boa representación do tecido asociativo local, e terá o seu centro no paseo da Mariña e nas rúas do casco vello durante a tarde de mañá venres, día 27, e do sábado 28.

Desde o Concello de Cedeira recordan o sentido da festa, que é “familiar e integradora”, arredor do tallado das caliveras na cortiza dos melóns. Quen queira ir disfrazado, recomendan, pode ir de pantasma branca, as chamadas “avisións”, ou ben coa cara ciscada simulando ser unha ánima doutro mundo.

O programa comeza mañá venres ás 17.00 horas no paseo da Mariña, onde se desenvolverán un taller de zonchos e outro de pintura. Ás 20.00 horas, co lusco e fusco, a compañía Barafunda ofrecerá o espectáculo “Os espíritus divertidos do Samaín”.

O Centro de Ocio Xuvenil organiza tamén para a tarde de mañá venres, de 17.30 a 19.30 horas, un obradoiro de repostería de Samaín que será impartido por Mercedes Fernández e María Arribí.

Para o sábado, a partir das 17.00 horas, están previstos obradoiros de tallado de cabazas e de maqueado, baixo as carpas que se instalarán no paseo da Mariña. Estarán expostas as caliveras, nas que ano tras ano a xente de Cedeira plasma toda a súa creatividade. Abrirá tamén un ano máis as súas portas a “Casa do Terror” e ofrecerase unha merendola de outono ao público, con bola de axucre e requeixo.

Sobre as 20.30 horas será o pasarrúas, un desfile no que van maiores e pequenos e que percorre as rúas do casco vello case ás escuras, só coa luz das velas que leven algúns dos participantes. É un percorrido barulleiro e cheo de risas.

Xunto coa Asociación de Amigos do Samaín, colaboran na organización desta festa as asociacións Mulleres da Vila, Buxainas, Mares, a Escola de Música, a Banda de Música e a ANPA Picapeixe.

Redondeará o programa o pase da película “O corpo aberto” o domingo, ás 19.00 horas, no Auditorio Municipal. Cadra co ambiente esta historia dirixida por Ángeles Huerta sobre un mestre que vai destinado a unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. Nun lugar dominado pola superstición, a morte dun veciño da aldea libera un espírito en busca dun corpo que lle permita seguir coa súa existencia, que levará ao protagonista a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos. É unha proxección enmarcada no ciclo Mestre Mateo, que leva a Cedeira as películas premiadas e nominadas no certame do cine en galego. Neste caso, “O corpo aberto” recibiu o premio ao mellor longametraxe.