O CONCELLO DE CEDEIRA EXPLORA VÍAS DE COLABORACIÓN COA ÁREA DE PATRIMONIO DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL
O alcalde e o tenente de alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil e José Antonio Rodríguez Arribe, recibiron a visita do deputado de Patrimonio, Xosé L. Penas, e da deputada provincial Cristina García Rey. O encontro serviu para intercambiar impresións sobre actuacións que o Concello quere acometer tanto no Castro Sarridal como no casco antigo da vila e avanzar sobre qué liñas de financiación poden facilitar, desde a área de Patrimonio da Deputación Provincial da Coruña, a súa realización.
Así, os responsables municipais acompañaron ao deputado e á deputada provincial nun percorrido polo xacemento do Castro Sarridal, onde lles explicaron os resultados das sucesivas campañas de escavación executadas e tamén o plan arqueolóxico do Concello para seguir avanzando na descuberta de novos achados pola zona adxacente, pola que vai o camiño. O percorrido abrangueu tamén, na mesma península de Sarridal, as cetarias que se recuperaron recentemente, o miradoiro que está sobre elas e o Castelo da Concepción, elementos que conforman un singular conxunto patrimonial.
Tamén estiveron no casco vello de Cedeira, onde entre outras cousas viron a praza da Reitoral. Tal como explicou Moreda Gil, a baranda metálica que delimita a zona na que está o palco da música está bastante deteriorada e a vontade do goberno local é abordar o seu arranxo. Durante o encontro, os responsables falaron das liñas de axuda que poden servir tanto para financiar esta última actuación como próximos traballos no Campo Sarridal.