Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ABRE A INSCRICIÓN NUN CURSO GRATUÍTO DE “MONITOR/A DE TEMPO LIBRE”

O Concello de Cedeira promove, a través da Concellería de Promoción Económica e Emprego, un curso de primeiro nivel de “Monitor/a de tempo libre” que se vai impartir desde o 26 do presente mes de abril ata o 30 de xuño. A inscrición é gratuíta e as clases desenvolveranse de venres a domingo. A finalidade deste programa, como outros que ten previsto convocar en breve o goberno local, é mellorar a empregabilidade das persoas participantes e fomentar a súa inserción laboral.

As clases do curso de “Monitor/a de tempo libre” impartiranse nas instalacións do CEIP Nicolás do Río. O programa ten un máximo de 20 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición. A idade mínima para poder matricularse son 18 anos e hai que estar en posesión, como mínimo, do título de ESO, técnico auxiliar en Formación Profesional ou equivalentes.

O horario será de 15.00 a 21.00 horas durante cinco venres –o 26 de abril e os días 3, 10, 24 e 31 de maio- e de 15.00 a 20.00 horas outros catro venres –días 7, 14, 21 e 28 de xuño-. Os sábados as clases serán de 09.00 a 14.00 e de 15.00 a 20.00 horas, e os domingos de 10.00 a 15.00 horas.

Para realizar a inscrición, as persoas interesadas poden enviar unha mensaxe a través de Whatsapp ao número 697 479 710 ou ben enviar un correo electrónico a noel.lopez@cedeira.gal.

O Concello ten previsto organizar outros cursos de atención sociosanitaria e hostalería, cuxas datas de inscrición e de celebración se publicarán próximamente.