Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

APLICAN NA SERRA DA CAPELADA UN TRATAMENTO EXPERIMENTAL CONTRA O FUNGO QUE AFECTA AOS PIÑEIROS

Responsables do goberno municipal de Cedeira recibiron esta semana a visita dos técnicos do Distrito Forestal da Xunta de Galicia, que acudiron para informarlles do tratamento experimental que se vai aplicar nos piñeiros da Serra da Capelada para ver de frear o fungo que está afectando gravemente a esta especie en todo o país. A enfermidade seca totalmente as árbores e de momento non ten cura, polo que xunto co tratamento piloto que se vai empregar nesta zona, a Consellería de Medio Rural traballa na liña de promover a plantación de especies máis resistentes.

Segundo explicaron os técnicos, o tratamento experimental a base de sulfato de cobre que se vai comezar a aplicar de inmediato aos exemplares de pino radiata da Serra da Capelada consiste en fumigalos e tamén en levar adiante un plan de desbroces e clareo, para eliminar a maleza que rodea ás árbores, así como na poda de parte dos exemplares. A actuación pretende illar as árbores tratadas e evitar a extensión do fungo por un exceso de vexetación próxima.
A reunión cos técnicos de Medio Rural contou coa presencia do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil; da concelleira de Medio Rural, María Xosé Pernas, e do edil de Medio Ambiente, Ismael Durán. A enfermidade que está a afectar aos piñeiros ten causado xa moitos problemas en diferentes zonas da Cornisa Cantábrica e está estendida xa por todo o Ortegal.

A reunión serviu tamén para que os responsables municipais coñeceran de primeira man a programación da Xunta no arranxo das pistas da Capelada, que son da súa competencia, e tamén o calendario de cortas, repoboacións, etc.