Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA COMPROMÉTESE COA CONTINUIDADE DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS EN COLABORACIÓN CO IES PUNTA CANDIEIRA

Apoio unánime do pleno municipal de Cedeira á proposta de orzamentos participativos que esta mañá presentaron os representantes de 4º da ESO do IES Punta Candieira, como culminación ao proceso no que traballaron desde novembro pasado. Un parque de calistenia e un ciclo de autocine serán os proxectos que se executarán co presuposto de 20.000€ reservado nas contas deste ano. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que a experiencia tivo una excelente acollida e que se desenvolveu cun enriquecedor diálogo e colaboración entre o alumnado e o Concello, ao tempo que comprometeu a continuidade, para que cada ano os mozos e mozas do Punta Candieira pechen a etapa de Secundaria participando nesta “escola de cidadanía”.

Nunha sesión plenaria que parte da corporación seguiu telematicamente, o grupo do BNG trasladou a través do alcalde, por non poder asistir, o seu voto a favor e felicitacións ao alumnado polo traballo realizado. Na mesma liña, o PP deu os seus parabéns á comunidade educativa e ao goberno local, desde o que a concelleira Carmela Prieto, que coordinou o proxecto, tamén quixo recoñecer a dedicación dos estudantes, mesmo en tempo de exames e coas dificultades que impuxo a pandemia, así como a dinámica construtiva que seguiron, tendo en conta as fortalezas do territorio e os equipamentos xa existentes para deseñar as propostas máis acaídas.

Tal como se informou recentemente, o parque de calistenia e un programa de autocine foron os proxectos máis votados na asemblea que os 66 alumnos de 4º de ESO do IES Punta Candieira celebraron o pasado día 9, en diferentes grupos para manter as medidas de prevención da covid. Elixiron entre as 11 propostas que agromaron e foron seleccionadas ao longo do proceso iniciado en novembro pasado, no que cada unha delas foi previamente informada favorablemente polos técnicos municipais para garantir que á votación chegaran proxectos realizables tanto por custes como pola normativa vixente.

Representantes dos tres grupos de 4º de ESO -Gabriela F. Paixâo Carvalhal Antunes, Hector Garrote Ramos, Bruno López Torres, Julián Breijo Aneiros, Helena Casás Crego e Cosme García Pérez – interviron no pleno desta mañá para explicar como foi o proceso e destacar que aprenderon o funcionamento do Concello, a súa estrutura, os servizos municipais, as posibilidades reais de acometer certos proxectos… e destacaron que tiveron unha interlocución directa e áxil co goberno e o persoal municipal á hora de solicitar información ou consultar determinadas cousas. Así, por exemplo, ese diálogo permitiu desbotar iniciativas cun custe alto de mantemento, en favor doutras máis sustentables, ou evitar outras que o Concello xa ten previsto acometer. Defenderon, a continuación, a oportunidade de facer un parque de calistenia, unha instalación que fomentará unha vida saudable, e de organizar as sesións de autocine, unha alternativa de ocio óptima en tempo de pandemia e que pode realizarse en diferentes lugares da vila.

Tras superar o último trámite coa aprobación do pleno, o alumnado seguirá vencellado aos proxectos que impulsou, colaborando co persoal municipal para estudar os modelos de barras para o parque de calistenia e os lugares de ubicación, así como na elección das películas, calendario e lugar das sesións do autocine.