Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA APOIOU A PRESENTACIÓN DE “RAPA” NO FESTIVAL DE MÁLAGA

Os concelleiros Carmela Prieto e Manuel Martínez, xunto co técnico de Cultura do Concello de Cedeira, Quique Vázquez, asistiron onte no Festival de Cine de Málaga á presentación oficial da serie televisiva “Rapa”, rodada hai poucos meses na serra da Capelada e noutras localizacións do municipio de Cedeira, no marco da sección no competitiva “Pantalla TV”. Alí proxectouse ás seis desta tarde o primeiro dos seis capítulos de 50 minutos que compoñen o thriller protagonizado por Javier Cámara e Mónica López, como adianto da estrea prevista para este ano na plataforma Movistar+.

Os representantes do Concello de Cedeira foron invitados a participar no evento pola produtora Portocabo e quixeron apoiar coa súa presencia o lanzamento da serie. A súa presentación no Festival de Málaga marca un fito importante para “Rapa”, un audiovisual que sen dúbida vai servir para a promoción turística da localidade, xa que amosa os seus impresionantes paisaxes e tamén elementos característicos e singulares da cultura e a etnografía da zona.

No acto de onte a serie “Rapa” tivo unha excelente acollida e Cedeira estivo moi presente, tanto nas imaxes e persoaxes do primeiro capítulo, como na presentación que fixeron os responsables da produción, na que se destacou en repetidas ocasións o protagonismo das paisaxes da Serra da Capelada e as diferentes localizacións da vila, así como a importancia que ten na serie a cultura e a etnografía propia do lugar.

Cómpre recordar que “Rapa” é unha serie creada por Pepe Coira e Fran Araújo, co mesmo equipo que fixo “Hierro”, unha produción de enorme éxito e cun demostrado impacto na dinamización turística e económica da illa canaria. Alí teñen cuantificado o incremento do número de turistas nacionais e tamén internacionais, unha vez que aquela serie se proxectou noutros países. De feito, creouse unha ruta da serie para as persoas que queren coñecer as localizacións que aparecen na película.

O Concello de Cedeira confía en que “Rapa” vai ter un efecto similar. As pantallas televisivas, primeiro a través de Movistar+ e despois sen dúbida noutras plataformas, é un escaparate de enorme potencial que vai promocionar a zona como un destino turístico de natureza, con paisaxes e praias espectaculares, no que tamén paga a pena conectar coas lendas e tradicións milenarias dunha cultura singular.