O CONCELLO DE CEDEIRA ACOMETE ARRANXOS NOS TRES BAÑOS PÚBLICOS DO PASEO MARÍTIMO
O goberno local de Cedeira vén de facer diferentes arranxos nos tres baños públicos situados no paseo marítimo, cun investimento total de 17.845 euros, co obxectivo de garantir que a cidadanía pode utilizalos nas mellores condicións. As intervencións afectaron aos servizos da praza da Constitución e dos parques San Isidro e do Romeiro, todos situados ao longo do paseo marítimo e moi utilizados durante o verán polos bañistas que visitan a praia da Madalena.
Así, o Concello contratou a aplicación dun tratamento antihumidade e unha nova man de pintura na caseta de madeira que alberga os aseos da praza da Constitución. Acometeuse tamén o arranxo da cuberta desta estrutura, ao igual que a dos baños que están no parque San Isidro, onde tamén se levaron a cabo obras de limpeza, reparación e pintado das fachadas. Nestes dous baños públicos, ao igual que nos que están no parque do Romeiro, cambiáronse todos os sanitarios, cisternas e demáis elementos que se atopaban deteriorados por pezas novas.
Coa realización destas obras volven funcionar uns servizos que non puideron manterse abertos todos os días durante a pandemia, pola imposibilidade que tiña o Concello de cumprir coas estritas normativas sanitarias. Desde o goberno local piden desculpas á veciñanza polo tempo que os aseos estiveron pechados e apuntan que agora está garantida agora a apertura en boas condicións e co mantemento que esixen as disposicións actuais.