Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ADXUDICOU POR 40.369€ A MELLORA DO FIRME DA AVENIDA DE ESPAÑA E O CAMIÑO PITILLEIRA

O Concello de Cedeira adxudicou a obra de “Conservación do firme na Avenida de España e o Camiño de Pitilleira” á empresa Canarga por un orzamento de 40.369€ (IVE incluído). Coa execución deste proxecto, o goberno local completa o capítulo de investimentos do programa provincial POS+21, con cargo ao que tamén se realizaron a rehabilitación estrutural do anel da praza Roxa e as reformas dos antigos escolares de Saa e Sisalde.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, informou de que a actuación vai consistir na mellora do firme na cruz formada por estes dous viais, cuxo pavimento está deteriorado. A intervención afectará ao tramo da Avenida de España comprendido entre a rúa Cerdido e o Polideportivo Municipal. Actuarase tamén nos 260 metros de percorrido do Camiño da Pitilleira, por unha parte no tramo que vai desde a Avenida de España ata a de Castelao, e por outro, no que abrangue desde a Avenida de España ata Floreal.

Os traballos consistirán na renovación do pavimento, colocando unha nova capa de aglomerado asfáltico de seis centímetros de grosor. Está prevista tamén a adecuación dun paso elevado para peóns na intersección entre a Avenida de España e Pitilleira.

Ao proceso de licitación, convocado polo Concello de Cedeira, concurriron seis empresas. O prazo de execución é de dous meses.