Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO CONTRATA 22 NOVOS FAROIS LED PARA A ZONA DO PASEO ARRIBA DA PONTE E A RÚA PONTHUS

O goberno local de Cedeira adxudicou á empresa Diexfe a suministración de 22 novos farois e as súas correspondentes bombillas de tecnoloxía LED, que sustituirán ás actuais lámpadas de vapor de sodio. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que o investimento se realiza con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2020, ao que o Concello xa acudiu en exercicios anteriores para emprender o camiño da eficiencia no sistema de alumamento público da vila.

A oferta adxudicataria ascende a 9.103,95€ (+IVE) e o importe inclúe o suministro dos 22 novos farois que persoal municipal se encargará de colocar no Paseo Arriba da Ponte (6 deles), a rúa C. Phontus (11) e a rúa Ezequiel López (2), así como na Rúa Ortigueira (as 3 restantes), na outra beira do Condomiñas.

A introdución da tecnoloxía LED no alumamento público ten grandes vantaxes tanto no coidado do medio ambiente como no eido económico. As novas lámpadas precisan menos da metade da potencia eléctrica para dar a mesma luz que as de vapor de sodio, de maneira que co seu uso baixan as emisións á atmósfera de dióxido de carbono e tamén o custo para as arcas municipais. Son tamén, de por si, menos contaminantes que as tradicionais porque non teñen mercurio. E ofrecen moita maior durabilidade e rendemento, polo que o Concello tamén aforra no mantemento. A todo isto súmase que as bombillas LED permiten axustar mellor a cantidade de luz necesaria, algo que evita unha innecesaria contaminación lumínica.

No presente ano, o Concello de Cedeira está a darlle un importante impulso á renovación da rede de alumamento público na zona rural da vila, con tres procesos de licitación pendentes de resolver que se traducirán na renovación de máis de 2.000 puntos de luz. Trátase dos proxectos de subministración de lámpadas LED no Lugar de Fragoso, Veciñeira, San Miguel e outros, que contempla a substitución de 1.452 farois; o das rúas Nosa Señora do Mar e outras, que prevé o cambio de 91 farois; e o dos Lugares de Bouza, Purrei, Ardeón e outros, coa colocación doutras 517 lámpadas. En total, estas actuacións suman un investimento de máis de 124.000 euros. Cómpre sinalar que este mesmo ano o Concello tamén contratou, por preto de 40.000 euros, a instalación de 97 puntos de luz de tipo LED na Avenida de Castelao, na zona urbana, ás que se sumarán agora estas novas 22 no Paseo Arriba da Ponte e rúa Ponthus.

O alcalde recordou a firme aposta do goberno local pola loita contra o cambio climático, tanto a través deste tipo de actuacións que melloran a eficiencia enerxética das instalacións municipais, como a través da participación do Concello de Cedeira, desde xaneiro de este ano, no “Pacto das alcaldías para o Clima e a Enerxía”.