Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO AMPLÍA E ACTUALIZA A SINALIZACIÓN DO CAMIÑO VELLO A SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO

O Concello de Cedeira contratou traballos de sinalización do Camiño Vello a San André de Teixido, por valor de 15.814,70€ e con cargo ao acordo coa Axencia de Turismo de Galicia, coa intención de contribuír a revitalizar este roteiro secular. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que no ano 2006 os concellos de Narón, Valdoviño e Cedeira acordaron adoptar o debuxo do peixe como símbolo do itinerario, no que daquela puxéranse algunhas indicacións, “pero a actuación que agora acometemos mellora sensiblemente a sinalización e a información sobre o camiño, ao longo dos 14 quilómetros que percorre no noso concello, desde Porto do Cabo ata Teixido”.

A empresa Goodlife Factory vaise ocupar de colocar no percorrido 12 novos monolitos de pedra, coa figura do peixe de cor vermella, e dous paneis informativos con vinilos resistentes á intemperie. Estes últimos estarán situados no mirador de Chao do Monte e á chegada a Santo André e neles haberá un código QR que dará acceso a información sobre o Camiño Vello, en galego, castelán ou inglés, ben sexa para ler na web ou para escoitar nun podcast. A actuación inclúe tamén a renovación de tres vinilos en paneis xa existentes, que se atopan moi deteriorados, e a reubicación de catro monolitos mal situados.

A intervención do goberno local de Cedeira pretende impulsar o roteiro polo seu interese patrimonial, natural e mesmo deportivo, e facilitar a afluencia tanto da propia veciñanza de Cedeira como de visitantes e turistas. O percorrido pode facerse a pé, a cabalo ou en bicicleta, salvo no último quilómetro e medio, só recomendable andando e coa alternativa da estrada para quen o faga en dúas rodas.

O Camiño Vello a San André é unha ruta moi antiga, tal como indica o seu nome, que parte do mosteiro de San Martiño de Xuvia e percorre 40 km ata o santuario cedeirés. O beneditino Pai Sarmiento describiuna nun escrito xa en 1755.