O CONCELLO ADXUDICA A XESTIÓN DO CHIRINGUITO DA PRAIA DA MAGDALENA
A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira resolveu adxudicar a concesión do “chiringuito” da praia da Magdalena á empresa Ruído Blanco Ferrol, despois de que a mesa de contratación valorase a súa oferta como a máis ventaxosa entre as tres presentadas. Así, a firma adxudicataria poderá comezar en breve a explotación da cafetería, que durante o pasado verán permanecera sen servizo e cuxas instalacións puxo a punto o Concello recentemente.
O “chiringuito” situado no Camiño Real da Magdalena, á altura do número 59, será xestionado pola empresa concesionaria durante dous anos, prorrogables no seu caso por outros tres. A adxudicataria vai pagar un canon anual de 3.067 euros ao Concello de Cedeira por explotar a cafetería, despois de gañar un concurso no que tamén se tiveron en conta aspectos como o tempo de apertura do servizo -a maiores do mínimo establecido, do 1 de xuño ao 30 de setembro, en Semana Santa e o 15 de maio-, a oferta de pratos na carta para persoas con intolerancias alimenticias, veganas, etc, ou a proposta de decoración e animación do local, entre outras cuestións.
Os arranxos realizados recentemente polo Concello, valorados en máis de 17.000 euros, consistiron na reparación da cuberta, a colocación de baixantes, a pintura interior do teito, a revisión da instalación eléctrica e da fontanería e outras reparacións na carpintería de madeira.