O CONCELLO ADXUDICA A REFORMA DO ANTIGO ESCOLAR DE SANTALLA, QUE FUNCIONARÁ COMO ALBERGUE PARA GRUPOS
O Concello de Cedeira vén de adxudicar o contrato das obras de reforma e conservación do antigo escolar de Santalla polo orzamento de saída, 144.901,04€ (IVE incluído), á oferta mellor valorada entre as tres que concurriron ao proceso de licitación. A actuación vai dotar á localidade dun albergue para grupos, un recurso moi importante cara ao relanzamento do turismo activo que se prevé na zona como consecuencia do recoñecemento do Xeoparque Cabo Ortegal, e que tamén será un apoio para as actividades promovidas polo tecido asociativo do municipio.
O antigo escolar de Corredoira, na parroquia de Cervo, é un inmoble con 348 metros cadrados construídos, nunha parcela de 821 metros cadrados, que está situado ao pé da estrada provincial DP-2204. Durante moitos anos foi empregado como lugar para a celebración de campamentos por parte da Organización Juvenil Española (OJE), á que o Concello lle cedera o seu uso. En orixe foi unha escola unitaria, levantada no ano 1962. Entre 1995 e 2003 o Concello executou obras de ampliación e mellora do inmoble e en 2013 formalizouse a cesión á OJE. No ano 2020 o pleno da corporación acordou recuperar o uso deste edificio de titularidade municipal.
O inmoble presenta problemas de humidade, eivas no pavimento e outros problemas derivados da falta de mantemento. As obras que se van executar agora abranguen a rehabilitación da cuberta e as fachadas, así como a reforma dos vestiarios. Mellorará tamén a accesibilidade e o illamento do edificio.
A actuación terá un prazo de execución de seis meses e o Concello de Cedeira as vai acometer con cargo aos fondos do POS+Adicional 2/2023 da Deputación da Coruña. Unha das liñas de actuación principais do plan do Xeoparque Cabo Ortegal é a transición verde e, dentro deste marco, a mellora e promoción das rutas de sendeirismo. O santuario de Santo André de Teixido é un destino icónico dentro do territorio e impulsalo é un obxectivo prioritario, no que contar co albergue de Santalla será importante. Tamén ten previsto o Concello que este recurso estea ao servizo das asociacións do municipio, que terán alí un espazo no que aloxar a grupos cando promovan as súas actividades.