CEDEIRA, UN DOS TRES CONCELLOS DA PROVINCIA QUE INAUGURAN OS CLUBS DE SAÚDE DA AECC
Cedeira é, xunto cos de Melide e Vimianzo, un dos tres concellos da provincia que participarán na experiencia piloto que pon en marcha a Asociación Española contra o Cancro (AECC) baixo o nome de Clubs de Saúde”. Trátase dunha iniciativa de intervención sociocomunitaria deseñada especificamente para as contornas máis rurais, coa idea de impulsar a saúde integral de persoas afectadas por algunha enfermidade ou que atravesen situacións que interfiren na súa esfera máis íntima ou social.
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, participou na presentación do proxecto, xunto coa responsable de Coordinación Territorial da AECC, Rocío García da Barga; o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde; e os representantes dos outros dous municipios que estrearán os Clubs de Saúde: Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, e José Manuel Pérez, alcalde de Melide.
“Na AECC levamos catro anos loitando para que todos os enfermos, vivan onde vivan, teñan igualdade de oportunidades no acceso ao apoio que necesitan, á parte do sanitario”, considerou o presidente da Xunta Provincial da AECC na Coruña. “O cancro provoca outras moitas necesidades, en ámbitos como o laboral, o social ou o afectivo, e aí é onde podemos acompañar aos pacientes en todo o traxecto da enfermidade”, dixo.
Rocío García da Barga, responsable de Coordinación Territorial da AECC, explicou que “os Clubs estarán integrados por 15-20 participantes, que chegarán a nós de tres maneiras: a través dos centros de Atención Primaria, a través dos nosos voluntarios e das nosas xuntas locais e a través dunhas novas persoas voluntarias que se incorporan á asociación para sumar a este proxecto. “Calquera persoa que estea interesada en participar pode chamar ao 900 100 036, o teléfono de Infocáncer, para pedir información sobre este proxecto ou sobre calquera cuestión que precise aclarar acerca da enfermidade, sobre a asociación, etc.”.
Os Clubs de Saúde comenzarán a traballar en xuño. O 20 de xuño reunirase por primeira vez o de Cedeira, que semanalmente celebrará sesións dirixidas por profesionais sobre tres ámbitos: a saúde física, a saúde emocional e a saúde social. “E, sobre todo, fortaleceremos ese tecido social tan característico que existe no rural para reforzalo, e para que todas esas persoas que formen parte do Club, unha vez acaba a actividade, sigan tendo esa rede de apoio para todo o que necesitan”, resaltou.