Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CLIA COMEZA A TRABALLAR PRIORIZANDO E TRASLADANDO VARIAS PROPOSTAS AO GOBERNO MUNICIPAL

O Consello Local da Infancia e a Adolescencia de Cedeira, constituido a finais do pasado ano, está xa a traballar para cumprir co seu obxectivo de ser un espazo de reflexión e debate sobre a realidade do municipio e ter un papel activo como órgano consultivo que é para o goberno municipal. Nas súas primeiras reunións, os 30 nenos e nenas e mozos e mozas que integran o CLIA decidiron o seu nome, “Ondiñas da vila” e acordaron dar prioridade a tres das liñas de traballo que están contempladas no Plan de Infancia e Adolescencia de Cedeira.

Así, a promoción da Saúde mental entre os menores, a organización de obradoiros sobre sexualidade para alumnado do IES Punta Candieira e a participación do CLIA como grupo asesor da programación de actividades culturais e deportivas son as cuestións sobre as que o consello decidiu focalizar os seus primeiros esforzos e que xa ten trasladado ás diferentes concellerías do goberno municipal. Decidiuse isto despois dunhas reunión mantidas, a finais de febreiro, con representantes do CEIP Nicolás do Río e o IES Punta Candieira.

Outras cuestións que tamén están no Plan de Infancia de Cedeira e nas que o CLIA ten previsto traballar son a organización de xornadas de limpeza nas praias, unha campaña para previr a violencia sexual e ofrecer información sobre os recursos nesta materia, a instalación dun merendoiro en San Isidro, o autocine de verán e unha programación de cine no Auditorio. Igualmente, xunto co nome, o CLIA traballa no deseño dun logo que o identifique.