Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA TRAMITA VARIAS AXUDAS PARA A CONTRATACIÓN DE 13 PERSOAS DESEMPREGADAS

A Xunta de Goberno de Cedeira aprobou recentemente a solicitude de varias axudas, en convocatorias artelladas por diferentes consellerías, para a contratación de persoas desempregadas. En total, dichas subvencións traduciranse en 13 empregos, con duracións que van dos 3 aos 9 meses, e cun custo laboral total de 122.567,7€.

Un dos programas aos que se vai acoller o Concello de Cedeira é o APROL Rural, da Consellería de Traballo, para a contración de dous peóns de limpeza de montes. A previsión é contratalos durante nove meses a tempo completo. A axuda cubrirá o custo laboral total, que ascende a 37.377,36€.

Tamén tramitou o Concello de Cedeira as subvencións que xestiona a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para a contratación de persoas perceptora da Risga (Renta de Inclusión Social de Galicia). Darase emprego durante nove meses a cinco persoas –tres peóns e dous limpador/as- co 75% da xornada, que se ocuparán de tarefas de mantemento e revalorización de zonas públicas. O importe da axuda ascenderá a 69.454,62€.

Con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental poderá facer o Concello de Cedeira outras seis contratacións. Neste caso os empregos serán de tres meses, para cinco peóns e un técnico de Medio Ambiente. Os custos laborais ascenden a 41.484,6€. No marco desta mesma convocatoria o Concello solicita tamén outros 47.172,72€ para a compra de 30 novas papeleiras e para un proxecto de mellora e integración paisaxística dos espazos verdes da Oficina de Turismo.