Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CENTRO DE OCIO XUVENIL DE CEDEIRA RECIBE UNHA MEDIA DIARIA DE ENTRE 25 E 30 MOZOS E MOZAS

O Centro de Ocio Xuvenil tense consolidado desde a súa reapertura tras a pandemia, o pasado mes de abril, como un punto de referencia en Cedeira para rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos. Unha media de entre 25 e 30 mozos e mozas achéganse nas tardes dos venres, sábados e domingos a este lugar de encontro no que se asentou xa unha dinámica participativa e de convivencia da que van xurdindo interesantes propostas.

Unha educadora social e dinamizadora xuvenil, Nerea P. Carballeira, é a encargada de coordinar as actividades do Centro de Ocio Xuvenil e programalas atendendo ás inquitudes da rapazada. Tal como ela explica, o Centro de Ocio Xuvenil é un espazo de ocio libre, no que hai espazo aberto con sofás e mesas e tamén outra sala polivalente na que poden realizar tarefas en grupos máis reducidos. Os mozos e mozas teñen á súa disposición diferentes xogos de mesa, un billar, un futbolín e mesmo unha pequena “sala de música” equipada cun micro, teclado, un ordenador e un pad para facer gravacións cantando ou tocando algún instrumento.

O Centro abre de venres a domingos, entre as cinco e as oito da tarde, e o ocio discorre a ao seu propio criterio e tamén con actividades abertas a todo o conxunto de usuarios e usuarias e que parten das inquedanzas que eles mesmos expresan. Cada dous ou tres meses, a técnica convoca unha mesa de participación á que os rapaces e rapazas que queren van para facer as súas aportacións e expor cales son os temas que máis lles atraen. O grao de participación é moi bo, según conta Nerea P. Carballeira, que apunta que en xeral lles gustan moito os deportes e tamén senten interese pola igualdade, a música e, o que máis, o medio ambiente.

Atendendo ás suxestións da mocidade, o Centro de Ocio Xuvenil ten organizado campionatos de futbolín, de parchí ou de Jenga, por exemplo, actividades ás que se apuntan mozos e mozas de todas as idades, desde os 12 aos 18 e que son unha excelente oportunidade de interacción. O cine e a fotografía son tamén afeccións que a xuventude cedeiresa quere cultivar, polo que se promoveu unha saída para facer fotografías polo río Condomiñas coa colaboración da asociación ARCE, que aproveitou para explicar o seu traballo de recuperación do cauce fluvial.

Desa dinámica participativa xurdiu un obradoiro de graffiti que tivo unha alta participación e tamén o obradoiro de reciclaxe textil que se celebrou a pasada fin de semana, no que se esgotaron as oito prazas dispoñibles con catro rapaces e catro rapazas. As dúas mulleres emprendedoras de Longa Vida explicaron a contaminación que produce a industria da moda e os efectos que ten a fast fashion sobre o medio ambiente, para a continuación guialos na realización dun portamóbiles reutilizando teas xa usadas.

Nerea P. Carballeira explica que se organiza unha actividade ao mes, máis ou menos, e que para este novembro teñen prevista unha merenda-coloquio con motivo do 25N, para falar da violencia na adolescencia. Contarán coa presencia do equipo de igualdade do IES Punta Candieira. Un pouco máis adiante, o 10 de decembro, desenvolverán un torneo de ping-pong coa mesa que antes estaba no polideportivo municipal e que o Concello lles achegou.

A música é parte importante da vida no Centro de Ocio Xuvenil, como non podía ser doutra maneira en Cedeira. A coordinadora explica que cada día pon un fío musical no local, procurando fuxir dos estilos máis de moda entre a rapazada para que coñezan outros grupos e artistas, outros ritmos. Con esta proposta, bautizada como “Hoxe soa…”, os mozos e mozas van descubrindo e gostando de músicas que non forman parte habitual do circuíto das súas idades.

Para o vindeiro 17 de decembro teñen programada a última mesa de participación do ano, na que haberá ocasión para facer balance das últimas actividades e, sobre todo, para debullar novas ideas que darán vida ao Centro de Ocio Xuvenil nos seguintes meses.

O goberno local está moi satisfeito co funcionamento do Centro de Ocio Xuvenil e co traballo que está a desenvolver Nerea P. Carballeira, en palabras do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, “unha persoa moi responsable e comprometida coa mocidade, que está a impulsar unha dinámica moi boa e abrindo novas alternativas para o tempo de lecer da nosa xuventude”.