Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O AUDITORIO ACOLLE ESTE SÁBADO UN ESPECTÁCULO DE POMPAS DE XABÓN PARA O PÚBLICO FAMILIAR

Os Fabulosos Cleaners levarán este sábado ao escenario do Auditorio Municipal de Cedeira o seu orixinal e sorprendente espectáculo de pompas de xabón. A función, dirixida ao público familiar, comezará ás 20.00 horas e as persoas interesadas poden reservar as súas localidades con antelación –enviando antes do venres unha mensaxe por Whatsapp ao número 649 87 66 14- ou ben compralas en taquilla desde unha hora antes do comezo. O prezo é de 2,50€.

O actor Luis Beviá, que ten percorrido escenarios de todo o mundo co seu espectáculo de pompas de xabón, está detrás desta proposta, chea de sorpresas visuais. Dous operarios de limpeza do teatro, interpretados por Jouse García e Xoque Carbajal, descobren por casualidade a maxia que pode xurdir da combinación das súas ferramentas de traballo, a auga e o xabón.

Fantásticas burbullas transparentes, cheas de fume, de vapor, con diferentes cores, pequenas e grandes, estáticas e voadoras enchen o teatro neste espectáculo que combina a beleza efémera e máxica das pompas co humor.