Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOREDA ASINOU COA DEPUTACIÓN O CONVENIO PARA FINANCIAR AS MELLORAS DO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, asinou onte co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o convenio de colaboración a través do que a Deputación da Coruña financiará o 80% da obra de renovación do pavimento e o marcador do polideportivo municipal. É un investimento de 187.201€ do que a institución provincial asumirá o 80% e o Concello o 20% restante. “Temos que agradecer o apoio da Deputación para acometer este proxecto e o seu compromiso con Cedeira, que quedou tamén claro co investimento de máis de 350.000€ para suprimir a curva perigosa de Tide e mellorar a seguridade vial na estrada provincial DP-2206”, dixo o alcalde.

O Concello de Cedeira leva anos traballando para facer posible esta obra e poñer ao día unha instalación que ten un uso moi intensivo. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que “por sorte somos unha vila na que se practica moito deporte e o pavillón deteriorouse pola antigüidade e o uso”. Aínda que a institución municipal fai a miudo obras de mantemento do pavillón, como por exemplo o recente cambio dos canalóns, esta era una intervención cun alto orzamento que requiría da colaboración provincial.

O proxecto prevé a substitución do solo de madeira da cancha deportiva, que ten unha superficie de 1.211 metros cadrados, así como das zonas anexas, tamén empregadas para o desenvolvemento de actividades, que teñen pavimento de linóleo e suman outros 165 metros cadrados. O actual chan está formado por parquet cruzado deportivo de 25mm, que está directamente colocado sobre o formigón, sen capa de impermeabilización. Están especialmente danadas, ou xa non existen, as madeiras das zonas de unión co linóleo.

As obras incluirán a colocación de tablas de madeira maciza de 22mm sobre rastreis de madeira laminada, cun conxunto de tiras de goma por debaixo que están especialmente deseñadas para este tipo de uso e que evitan a deformación do solo e melloran a absorción dos impactos. Fóra da cancha instalarase un pavimento sintético, cunha capa de impermeabilización. O proxecto contempla tamén unha mellor solución para as liñas de unión entre os dous tipos de chan. Na intervención está incluída tamén a dotación dun novo marcador que servirá mellor para todos os deportes que se practican na cancha e ás súas actuais normativas.

Ao tempo que agradeceu a colaboración da Deputación Provincial, o alcalde de Cedeira considerou que “se bota en falta máis implicación da Xunta de Galicia co deporte da nosa vila, onde temos deportistas moi destacados que son a proba da fortaleza que teñen as escolas de base e os clubes locais”. Moreda Gil reclamou á Xunta de Galicia unha aposta por Cedeira a través da construción dunha nova piscina municipal.