Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Isabel Seidel é a primeira muller en gañar o certame de pintura rápida “Vila de Cedeira” celebrado onte

A sexta edición do certame de Pintura Rápida “Vila de Cedeira” reuniu a un total de 19 participantes, resultando ganadora Isabel Seidel, de Ourense, cunha obra na que plasmou o carro do peirao vello. É a primeira vez que unha muller se fai co primeiro premio do concurso.

Lolo Serantes (Ponferrada) foi o segundo clasificado cunha paisaxe de natureza, mentres que Pío Costa Beiro (Noia) quedou terceiro cunha pintura do paseo da Marina.

A concelleira de Cultura, Ermitas García Ríos, destacou tanto a elevada participación como a calidade das obras presentadas ao certame, o que “fixo moi difícil tomar unha decisión”. Ermitas García explicou que calquera das obras gañadoras son perfectamente identificable con Cedeira, xa que se trata de promocionar a cultura pero tamén a localidade.

O xurado estivo integrado polos pintores María Gisela Galván e Adrián Taracido e pola propia concelleira de Cultura.

O Concello repartiu un total de 1.800 euros entre tres premiados, de maneira que o primeiro recibiu 800, o segundo 600 e o terceiro 400 euros, ademais dos diplomas correspondentes.

Néstor López Casas foi a gañador da pasada edición e Andrés Gabarres Cagiao a convocatoria do ano 2018.