Cedeira pide a colaboracion dos comerciantes para elaborar un plan estratéxico fronte á crise climática
O Concello de Cedeira chama á colaboración dos comerciantes da localidade a participar nunha campaña que dará como resultado a elaboración dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES). Trátase dun documento estratéxico para avanzar, desde a administración local, nos obxectivos da Unión Europea cara ao ano 2030 e reducir as emisións do CO2 no conxunto do municipio.
A adhesión do Concello, en febreiro de 2020, á iniciativa europea “Pacto das alcaldías para o Clima e a Enerxía” representa o compromiso do executivo local pola eficiencia enerxética, as fontes de enerxía renovables e por reducir as emisións contaminantes.
Trala declaración de Emerxencia Climática e Ambiental en España, o goberno municipal decidiu tamén desenvolver liñas de acción que fagan fronte á crise climática e aproveitar os beneficios sociais e económicos que ofrece a transición ecolóxica para mellorar a calidade de vida de veciños e veciñas.
Esta acción de goberno materializarase nos próximos días coa visita de persoal técnico de Energal Sl aos locais comerciais para coñecer o consumo enerxético coa fin de reducir o gasto eléctrico e deseñar a mellor estratexia posible. Só será necesario ter a man unha factura na que figure o consumo.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, adiantou que a intención do Concello tamén pasa por ampliar ao conxunto do municipio o uso de enerxía obtida a través de fontes renovables, unha política xa vixente nos edificios de titularidade municipal, e que, no seu momento, levou a Cedeira a acollerse á plataforma de contratación da FEMP para poder facelo.
O compromiso do executivo local co medio ambiente ponse así mesmo de manifesto tanto pola adhesión ao pacto polo clima como á política de substitución das lámpadas de Vapor de Sodio (WAPS) polas de tecnoloxías Led. Cabe recordar que tan só nas últimas semanas o goberno contratou proxectos que darán lugar á substitución de máis de 1.500 bombillas na zona rural e tamén urbana.