Detección de contaminación microbiolóxica nas augas da praia da Madalena
DETECCIÓN DE CONTAMINACIÓN MICROBIOLÓXICA NAS AUGAS DA PRAIA DA MADALENA
Na análise microbiolóxica realizada por Augas de Galicia o día 16/09/2018 na praia da Madalena atopáronse máis de 1000 NMP en 100 ml de Escherichia coli. Trátase dunha cantidade cen veces maior á que se viña constatando en todas a medicións quincenais durante a campaña estival e supón un risco para a saúde dos bañistas.
Desde o Concello de Cedeira estase a investigar a causa desta contaminación. Debido á súa alta concentración e á tipoloxía dos microorganismos detectados, todas as probas apuntan nunha determinada dirección. Aínda que estas sospeitas son compartidas por boa parte da poboación, a Concellería de Medio Ambiente pide prudencia antes de identificar inequivocamente aos responsables.
Mesmo sabendo que se trata dun episodio puntual, o Concello recomenda absterse do baño temporalmente, á espera dos resultados dunha nova medición. Para facer chegar esta mensaxe á cidadanía colocaranse carteis en puntos especialmente visibles ao longo da praia.