Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A web do concello de Cedeira supera as 350.000 visitas e o Cedeira Informa chega ás 1.000 persoas usuarias

A WEB DO CONCELLO DE CEDEIRA SUPERA AS 350.000 VISITAS E O CEDEIRA INFORMA CHEGA ÁS 1.000 PERSOAS USUARIAS

De éxito cualifica o equipo de goberno de Cedeira a renovación das canles de comunicación coa veciñanza levada a cabo desde o inicio deste mandato. Xa en 2016 supuxo a actualización integral da web municipal e a posta en marcha do Portal de Transparencia. En 2017 chegou do servizo de noticias Cedeira Informa. Neste 2018 estase a continuar por este camiño de optimización do fluxo de información entre Concello e cidadanía.

O firme convencemento deste goberno de apostar pola mellora da comunicación directa cos veciños e veciñas está a ser avalado polo número de visitas das webs e pola crecente cantidade de persoas subscritas ao Cedeira Informa.

A web municipal acumula máis de 350.000 visitas, cunha media de case 13.500 mensuais e grande aceptación por parte de usuarios e usuarias, que destacan a utilidade da páxina, a facilidade para navegar por ela e a relevancia dos seus contidos.

A valoración do alcalde, Pablo Moreda Gil, é positiva: “Cando decidimos renovar a web, fixémolo pensando nos veciños e veciñas. A súa característica fundamental é a practicidade. Está especificamente deseñada para dar servizo á cidadanía, que pode atopar nela toda a información que poida necesitar sobre trámites e xestións administrativas e sobre a actualidade do Concello. Ademais, quixemos que estivese aberta a recibir propostas para que toda a veciñanza poida participar na mellora do noso municipio. Dous anos despois, temos unha gran satisfacción cos resultados, pero queremos seguir avanzando”.

Durante este verán fixéronse melloras na web co obxectivo de dar unha maior visibilidade aos contidos turísticos e de actualidade, dentro da estratexia do goberno municipal de Cedeira de pór en valor as potencialidades culturais e recreativas do Concello.

Como é sabido, a web municipal (www.cedeira.gal) compleméntase, no tocante á información puramente institucional, co Portal de Transparencia (www.portaltransparenciacedeira.gal), do que tamén se fai unha valoración moi positiva logo destes dous anos de funcionamento.

“O Portal púxose en marcha para dar cumprimento á Lei de transparencia, que á nosa chegada ao goberno en 2015 estaba moi lonxe de cumprirse. Máis alá diso, o Portal é a demostración do compromiso que este goberno ten cos veciños e veciñas de mostrar abertamente todo o relativo á xestión do Concello, é dicir, de ser absolutamente transparente cos recursos públicos e coa información. Calquera pode acceder con facilidade á web do Portal e ver que é o que facemos día a día no Concello, con información clara e sinxela. Estamos convencidos de que para facer unha boa xestión non abonda con traballar moito e ben, tamén hai que facelo de xeito aberto, trasladando dando toda a información á cidadanía para que poida facer un seguimento da acción do goberno e valorala”.

No tocante ao servizo Cedeira Informa, sabíase que ía funcionar, pero sorprende a velocidade da súa implantación. O alcalde di que “Quixemos ir un paso máis aló na comunicación coa veciñanza, que todo o mundo tivese a oportunidade de coñecer o día a día da actividade municipal, os eventos, as incidencias, a programación cultural… todo aquilo que puidese ser do seu interese. Atopabamos ás veces xente que, por exemplo, lamentaba non poder asistir a algunha actividade deportiva porque lle pasara o prazo de inscrición ou que non sabía con exactitude cando comeza o período para a queima de restrollo. A verdade é que chegar dun modo tan directo ás máis de persoas 1.000 usuarias apenas un ano despois de iniciar o servizo é a confirmación de que a cidadanía apoia con forza esta iniciativa. Con todo, en coherencia co noso espírito de sempre progresar, estamos deseñando xa algunhas melloras para o Cedeira Informa que esperamos que sexan ben recibidas e coas que queremos avanzar máis aínda na relación da administración local cos veciños e veciñas do noso concello”.