Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

“DESCOBRE CEDEIRA” PERMITE AOS VISITANTES COÑECER MÁIS A CONTORNA DA VILA A TRAVÉS DE CATRO ROTEIROS

A través do programa “Descobre Cedeira”, o Concello da vila ofrece un ano máis aos visitantes a posibilidade de coñecer polo miúdo algúns dos emprazamentos máis destacados da súa contorna. Para este período estival (ata mediados de setembro) programáronse dezaoito excursións repartidas en catro roteiros, un máis que en edicións precedentes. Así, ás xa clásicas visitas ao casco urbano, a península de Robaleira ou Santo André de Teixido, se engaden agora saídas tamén pola serra da Capelada, en todos os casos coa dirección dunha guía titulada.

O programa arrincou esta mesma semana cunha excursión pola localidade que se repetirá os días 28 deste mes, o 10 e 30 de agosto e o 12 de setembro. O roteiro, que parte da oficina de turismo, ten unha duración de tres horas (10.00 a 13.00 horas) e unha dificultade baixa. Durante a mesma, os visitantes saberán máis da historia da vila e das súas tradicións visitando o casco antigo, o Castelo da Concepción ou o Castro Sarridal.

Hoxe mesmo arrincaron tamén os roteiros da Pedra Chantada, unha das grandes novidades da oferta para este 2022, pois permitirán aos visitantes descubrir a excepcional riqueza natural e paisaxística da Capelada, con visita a varios dos seus miradoiros máis destacados e ao curro. A proposta repetirase o 26 deste mes, o 8 de agosto e o 1 de setembro. Neste caso, as expedicións partirán da Estación de Servicio A Trabe e prolongaranse durante tres horas (10.00 a 13 horas).

O Roteiro dos Tesouros é outra das suxestións clásicas desde programa para gozar tamén das excelencias naturais da vila. Desde a praia da Madalena, os participantes accederán á península da Robaleira, ao faro e a cala de Cerdeiras, gozando dunhas magníficas vistas da ría e do porto cedeirés. Pódense reservar prazas para as excursións que se celebrarán o 18 deste mes, o 2 e 23 de agosto e o 6 e o 18 de setembro. Como nas anteriores, a dificultade é baixa e a duración do percorrido será de tres horas (10.00 a 13.00 horas)

Un pouco máis esixente en canto a dificultade (media) e duración (cinco horas) é o Roteiro de Santo André de Teixido, que parte ás dez da mañá da igrexa de Régoa e para o que se recomenda levar xantar, pois a chegada está prevista en torno ás cinco da tarde. As datas fixadas para esta excursión son o 20 deste mes, o 4 e o 25 de agosto e o 8 setembro.

Todas estas actividades son gratuítas, porén, posto que as prazas son limitadas, as persoas interesadas deben tramitar a súa inscrición previa de forma presencial na Oficina de Turismo de Cedeira, a través do teléfono 981 48 21 87 ou no correo electrónico mar.lopez@cedeira.gal. Recoméndase acudir a todas elas con calzado axeitado, bastón, auga, froita e chuvasqueiro.

O interese que espertaron as primeiras visitas permite augurar que o programa “Descobre Cedeira” mellorará os números da pasada edición en canto a afluencia. Entón foron case duascentas persoas as que participaron nas excursións propostas. Unha cifra que podería superarse tendo en conta que, como apunta Mar López, técnica de Turismo, neste 2022 na vila pálpase desde xuño a presencia dun maior número de visitantes, xa non só nacionais, senón tamén estranxeiros, coma antes da pandemia.

A todos eles están dirixidas estas excursións, pero tamén aos propios veciños de Cedeira que estean interesados en coñecer máis polo miúdo e ver con outros ollos moitos dos emprazamentos polos que pasan decotío.