Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CONCELLO E DIRECCIÓN DO CEIP NICOLÁS DO RÍO SUMAN ESFORZOS PARA MELLORAR AS INSTALACIÓNS DO CENTRO

O Concello de Cedeira investiu algo máis de 10.000€ nas obras de renovación do pavimento de caucho da zona de xogos dos nenos e nenas de Infantil no CEIP Nicolás do Río. Segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a actuación é froito dun acordo polo que o centro e a administración local asumiron o custo ao 50%, no que “se pon de manifesto unha vez máis o positivo clima de colaboración que temos co colexio e a nosa vontade de contribuír á mellora dos recursos da educación pública”.

Moreda explicou que o goberno local respostou a unha proposta de colaboración do propio centro, que suxeriu unha actuación para garantir a durabilidade do pavimento, que tiña xa moitas losetas levantadas e deterioradas. “Convimos a realización destas obras, un exemplo máis de como a suma de esforzos, por parte da dirección do colexio e do Concello, fai que consigamos máis cousas”.

Os traballos consistiron na retirada das pezas deterioradas do vello solo de caucho e a súa substitución por novas losetas, axuste, limpeza e recheo das xuntas para darlle unha capa final coloreada que aporta continuidade aos 340 metros cadrados de superficie deste espacio de xogos. O Concello de Cedeira asumiu a mitade da obra –en total tivo un orzamento de pouco máis de 22.000€-, que xa está rematada e lista para o comezo do novo curso.

É unha intervención máis das que nos últimos anos asumiu o Concello de Cedeira para o mantemento e mellora das instalacións do CEIP Nicolás do Río. Así, o persoal municipal traballou o pasado ano na adecuación doutra zona de xogos que facilitou a separación de grupos, contratouse a construción dun teito de abrigo no corredor de acceso ao centro, a realización dun mural no peche e o pulido do solo do polideportivo, entre outras actuacións. O goberno local facilitou tamén o pasado ano máscaras e xel hidroalcohólico á comunidade educativa, coa que a colaboración discorre igualmente, dun xeito moi construtivo, na organización de diferentes actividades ao longo do ano.